
O Concello de Rianxo abre o prazo de inscrición para unha nova acción formativa gratuíta sobre implantación de terreos forestais, dirixida a todas aquelas persoas interesadas na xestión sostíbel do monte. A actividade enmárcase no programa de accións formativas vinculadas á xestión e aproveitamento do monte, desenvolvido no marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.
A formación terá unha duración total de 60 horas teórico-prácticas, nas que se abordarán contidos clave como o deseño e a execución de plantacións forestais, a prevención de incendios forestais e máis a certificación forestal e boas prácticas de xestión.
Esta acción forma parte do compromiso do Laboratorio por reforzar as capacidades locais e acompañar procesos de transición cara a modelos de xestión do monte máis sostíbeis, xerando coñecemento práctico e aplicábel ao territorio.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición escribindo a medioambiente@concelloderianxo.gal ou chamando ao 981 86 08 08 (atención en horario de mañá).
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. Coordinado pola Fundación RIA, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza é un proxecto dedicado a promover a transición cara á sustentabilidade ambiental e a fortalecer a resiliencia na xestión territorial dos montes do Barbanza. Máis información a través do info@barbanzaecosocial.org ou no 881 150 071.




