A Xunta abre este venres o prazo de solicitude nos campamentos

02 Maio 2025

O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron esta semana a campaña Modo verán activo coa que a Xunta, sinalaron, “volve marcar un récord histórico na oferta de prazas para os campamentos autonómicos, con 11.630 en total, 100 máis que o ano pasado”.

O conselleiro fixo fincapé na modalidade de campamentos, destinada a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos, e que presenta a maior oferta da campaña con 7.877 prazas en Galicia, repartidas en 38 instalacións das catro provincias, ás que se suman outras 306 expandidas polo País Vasco, Estremadura, Castela e León, Castela A Mancha, A Rioxa, Madrid e Cantabria.

Referiuse López Campos ás seguintes propostas innovadoras: o campamento Creativo artístico, que se desenvolverá no albergue do Monte do Gozo, en Santiago de Compostela, con 30 prazas; o Eco Camp Labrego, na Granxa Escola Bergando, en Negreira, con dúas quendas de 25 persoas cada unha; O bosque animado, na Granxa Escola Garatuxa, en Mesía, que ofrece 20 prazas; Arte, danza urbana, tecnoloxía e natureza, na Residencia de tempo libre do Carballiño, con dúas roldas para 45 participantes cada unha; Contos e lendas, no Colexio Guillelme Brown, en O Pereiro de Aguiar, para 30 mozos e mozas, e Os segredos do universo, no Albergue xuvenil Montañas de Trevinca, en A Veiga, que conta con 30 prazas. Ademais, o campamento O sabor do verán, que se repite este ano, terá lugar nunha nova localización, a Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, en Ourense.

Xunto cos campamentos, tal e como apuntou o conselleiro, volven tamén os minicampamentos Coñece Galicia “no marco dun amplo programa xa consolidado e co que, ademais, ofrecemos un recurso de conciliación da vida familiar e laboral”. Trátase dunha proposta lúdico formativa que conta con 779 prazas para nenos e nenas de 9 a 12 anos, e que se desenvolve nos espazos naturais da Comunidade cunha duración de 5 días, de luns a venres. Neste senso, os participantes optarán a 16 programas de estadías diferentes, con aloxamentos en establecementos turísticos, “co obxectivo de favorecer as necesidades de conciliación á vez que se fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia”.

Actividades para maiores de 18 anos

Por outra banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, fixo referencia á mocidade de entre 18 e 30 anos, salientando que “tamén poñemos o foco neles, conscientes da importancia de ofrecerlles propostas de calidade acordes ás súas inquedanzas”.

Así, nesta franxa de idade destacan os campos de voluntariado, cun programa que oferta este ano 600 prazas en 37 localizacións de Galicia, ás que hai que sumar outras 75 noutras comunidades autónomas e 75 máis no estranxeiro. Trátase, tal e como lembrou López Campos, de accións que se desenvolven maioritariamente en colaboración cos concellos e “pretenden favorecer a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna” a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos. Ademais, en contraprestación, os participantes gozarán da práctica de deportes ou visitas a lugares de interese histórico e cultural.

Nesta modalidade, os mozos e mozas disporán dunha decena de iniciativas novas con respecto á campaña do 2024. Así, na provincia do Coruña atópase o campo de voluntariado Monte Sacro, en Boqueixón. Mentres, en Lugo terán lugar os campos de Fervenza do Pozo do Batán, en Quiroga; Castro da Torre, en Folgoso do Courel, e Ancares,en Navia de Suarna. En Ourense figuran as propostas Vida salvaxe, en Entrimo; Tra-los pasos da Raíña Santa, en Bande, e un campo en Larouco. Pola súa banda, Pontevedra conta con Sendeiros do Louro, en O Porriño; con Na procura das fortalezas do Baixo Miño: As Torres, en Tomiño, e Arousa Azul, en Vilanova de Arousa.

Ademais deste programa, este ano dáselle continuidade ao paquete de actividades específicas para maiores de 18 anos “tras o éxito colleitado o ano pasado”, puntualizou o representante da Xunta de Galicia, e que promove, dixo, “un ocio alternativo con accións destinadas a mellorar as competencias e habilidades da xuventude”. Así, con 218 prazas en 8 instalacións e unha duración de entre 4 e 13 días, a través da educación foméntase o coñecemento da xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia, “promovendo o seu respecto e posta en valor”.

Ademais da oferta directa de prazas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a campaña de verán tamén inclúe o uso das instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas. A proposta, con 1.720 prazas e quendas de 5 a 10 días de duración, tamén está dirixida a grupos de rapaces e rapazas non asociados que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro.

Prazos de inscrición

Tras a publicación hoxe da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, o prazo de inscricións abrirá este venres día 2 e estenderase ata o 15 de maio para campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado en Galicia. Pola súa banda, os campos de voluntariado doutras comunidades autónomas terán de prazo do 7 ao 13 de maio, mentres que os do estranxeiro abriron inscricións o 3 de marzo e as actividades de ocio alternativo para maiores de 18 anos poderanse solicitar a partir de mediados de mes.

Así mesmo, as solicitudes para campamentos e minicampamentos realizaranse a través dos formularios correspondentes publicados na sede electrónica da Xunta de Galicia e a adxudicación de prazas levarase a cabo mediante sorteo. No que respecta aos campos de voluntariado e ao programa de ocio alternativo as prazas outorgaranse por orde de inscrición, que neste caso se habilitará na web de Xuventude.

Ademais, a oferta concertada para o uso de instalacións xuvenís, que se rexe por unha convocatoria propia que establece a orde de prioridade na adxudicación das peticións, tamén abre o prazo este venres.

Outros artigos

Arrastreiro de Ribeira investigado por captura de golfiños

A Garda Civil denuncia ao patrón tras a difusión de vídeos en redes sociais que mostran a captura de cetáceos en Galicia. Segundo recolle a web costaoeste.gal, a denuncia contra o patrón do arrastreiro de Ribeira xerou gran preocupación no sector pesqueiro galego e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Morrer sós e nas rúas” – José Manuel Pena

“Morrer sós e nas rúas” – José Manuel Pena

Non nos preocupa demasiado o ver, cada día, a persoas deambulando polas rúas ou durmindo nalgún caixeiro ou portal dun edificio. Son persoas sen fogar, xeralmente con algún tipo de dependencia e que necesitan axuda, aínda que non a pidan porque carecen da estabilidade...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.