A sesión extraordinaria da RAG polo Día das Letras Galegas celebrarase en Malpica, concello natal das Pandeireteiras de Mens, e contará coa presenza das Tanxugueiras

06 Maio 2025

A Real Academia Galega celebrará a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños, concello natal das Pandeireteiras de Mens, nas que personifica este 17 de maio que lles dedica ás cantareiras e á poesía popular oral canda Adolfina e Rosa Casás (A Vila da Igrexa, Cerceda) e Eva Castiñeira (Agranzón, Muxía).

As Tanxugueiras nunha imaxe de Javier Bragado

Durante o pleno, que arrincará ás 12:30 horas, pronunciaranse as alocucións académicas de Ana Boullón, impulsora da candidatura; Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego xunto a Dorothé Schubarth; e o expresidente da RAG Xesús Alonso Montero. A parte musical contará coas Tanxugueiras, en palabras da entidade “exemplo senlleiro dos novos vieiros da tradición reinterpretada dende a modernidade”. A sesión extraordinaria da RAG é de entrada libre ata completar a capacidade do auditorio e poderá seguirse en directo dende Academia.gal.

O programa reivindicará dous esteos fundamentais da lingua e da cultura de noso: “O legado de tantas mulleres do pobo que, coma as que protagonizan estas Letras colectivas, foron principais creadoras e transmisoras da poesía popular oral, e mais a súa continuidade en novas voces como as de Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro, que lles abren á tradición e á lingua novos e exitosos vieiros creativos”.

A entidade lembra que o do 17 será o segundo acto da RAG co gallo das Letras Galegas 2025, tras a presentación da nova edición de Primavera das Letras, o seu proxecto web para o público infantil, no concello natal de Rosa e Adolfina. O alumnado do CEIPP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda protagonizou o pasado mes de marzo a estrea da peza teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), escrita por Paula Carballeira –autora gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática– e ilustrada por Nuria Díaz. A edición dixital do texto pode descargarse en primaveradasletras.gal, onde tamén se ofrecen actividades interactivas, fichas para colorear, marcapáxinas e chapas sobre as cantareiras. A terceira gran cita das Letras terá lugar xa no outono en Muxía. A terra onde naceu e medrou Eva Castiñeira será punto de encontro de especialistas que afondarán en novas olladas arredor do fenómeno das cantareiras e a poesía popular oral.

As Letras na Rede

A RAG recorda tamén que alén das actividades presenciais, celebra as Letras “con intensidade na Rede” e “con contidos para todas as idades”. Mentres Primavera das Letras pon o foco no público máis novo, a sección das Letras Galegas 2025 de Academia.gal ofrece diversos contidos, entre eles a serie documental web Se canto é porque quero, que pode verse ademais dende este luns en Agalega.gal e que será emitida na G2 o 15 de maio ás 22:30 horas. Tamén en clave audiovisual, A RAG estreará este mes varios episodios da serie O Seminario de Onomástica responde, dedicados a topónimos relacionados coas protagonistas deste 17 de maio: A Vila da Igrexa, Cerceda, Mens, Malpica de Bergantiños e Muxía.

Por que non hei de cantar? é a proposta do servizo de publicacións da Academia. A edición, ao coidado do musicólogo Manuel Rico Verea, repartirase entre os asistentes ao pleno extraordinario dese día e poderase descargar tamén na web da RAG. O volume ofrece de maneira breve e didáctica unha aproximación ás recolleitas dos corpus da literatura popular de Galicia e á historia dos cancioneiros que reproducen as melodías tradicionais de Galicia, cunha primeira parte dedicada ás cantareiras homenaxeadas e unha final a Dorothé Schubarth, outra figura relevante nestas Letras Galegas como recompiladora de referencia: a etnomusicóloga suíza gravou, ordenou e catalogou os versos e as melodías que lles escoitou a preto de 600 informantes de todo o país entre finais dos anos 70 e os 80 do séculos XX. Co traballo que realizou en colaboración con Antón Santamarina, considerado a biblia dos cancioneiros, a estudosa foi quen de facer agromar “tempos novos para a lírica e a música de tradición oral que transmitiron os últimos informantes dunha sociedade galega de cambios abruptos vividos durante o século XX”, valora Rico Verea.

Tres epicentros do canto e do baile

De acordo cos seus estatutos, a Real Academia Galega personificou a celebración do vindeiro 17 de maio nas catro Pandeireteiras de Mens que faleceron hai máis de dez anos: Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda. Xunto a Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, constituíron o primeiro grupo de cantareiras tradicionais que espallaron polo mundo adiante a poesía popular oral, tras se integraren nos anos 70 do século pasado na Agrupación Folklórica Aturuxo da Coruña. Todas elas son naturais dunha parroquia, e, segundo salienta a RAG, “proveñen dunha comarca extraordinariamente rica no tocante á tradición oral e escenario de múltiples recollas en distintos momentos históricos”.

A comezos dos anos 80, Dorothé Schubarth recollería pola súa banda numerosas composicións a varias das Vellas de Mens, aínda que son Rosa e Adolfina Casás Rama as informantes que máis coplas achegaron ao seu Cancioneiro Popular Galego. A musicóloga tamén visitou Muxía, outra terra especialmente fértil no que atinxe á cultura que une música e poesía popular oral, pero naquela altura había xa tempo que Eva Castiñeira vivía na Coruña. A súa voz, xunto á de Florencio da Fontaneira, o Cego dos Vilares, sería rexistrada para sempre no disco Recolleita Vol I (1981), ao coidado de Pablo Quintana e publicado polo selo Ruada. A “descuberta” de Eva foi froito dunha afortunada casualidade, ao ela traballar como asistenta doméstica na casa de Martín Fernández Maceiras, un dos cofundadores da discográfica. Canda a súa irmá Engracia, Eva Castiñeira protagonizou outro fito do cancioneiro popular cando, no verán de 1981, as dúas compartiron escenario co lendario Milladoiro no pavillón de deportes de Riazor. Por primeira vez na historia, unhas pandeireteiras participaban nun concerto dun grupo folk.

Apoios

As actividades da Real Academia Galega co gallo das Letras Galegas desenvólvense co apoio de diversas institucións públicas. A sesión do 17 de maio conta coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación. O goberno autonómico e central tamén colaboraron economicamente na publicación conmemorativa do 17 de maio e mais na produción da serie Se canto é porque quero canda a Deputación da Coruña, que financia Primavera das Letras.

Outros artigos

Padrón fártase do lixo do mercado dominical

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, anunciou este xoves 22 de maio a intención do Goberno local de someter á consideración do pleno a actualización da taxa por ocupación da vía pública. “Padrón non pode seguir tolerando o abandono de lixo na vía pública por parte de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O océano non ten fronteiras” – Antón Luaces

“O océano non ten fronteiras” – Antón Luaces

Cando en novembro pasado se clausurou en Vigo a segunda edición do Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar,  remarcouse esta carencia de fronteiras para salientar o empeño en lograr unha economía oceánica sostíbel como basamento da apicación das...

“O bispo demérito” – Xulio Xiz

“O bispo demérito” – Xulio Xiz

O bispo demérito (sic) de Alcalá de Henares, vén de relacionar a "discapacidade psíquica, intelectual ou física" (considérome afectado directo) cunha "herdanza do pecado" e a estas alturas aínda ninguén lle retirou o carné de conducir fieis, mitigar males ou redimir...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.