O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela Paz, a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez González, o fotógrafo e comisario da mostra, Fernando Blanco Rajo, o fotoxornalista local José Luiz Oubiña, e o xornalista e socio da APG Alberto Avendaño Prieto, inauguraron no mediodía deste venres 11 de abril, na sala municipal Antón Rivas Briones da capital arousá, a exposición A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego, organizada pola APG e polo Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.

No acto, o rexedor destacou “a gran calidade da mostra” e fixo fincapé na “importancia do fotoxornalismo, capaz de transmitir, impactar e sensibilizar ao espectador, narrando a vida cotiá dos galegos e galegas”. “A nosa cidade acolle unha exposición de momentos icónicos de Galicia, que merecían ser lembrados”, subliñou.
Varela Paz agradeceu á Asociación de Periodistas de Galicia “o traballo para sacar adiante a mostra e pola disposición para que recalase en Vilagarcía e, ademais, nunha das salas de exposición de referencia, como é a sala Rivas Briones”. Nesa liña, o alcalde fixo extensivo o agradecemento a tódalas persoas implicadas neste proxecto e aos “padriños” e “madriñas locais”, partícipes da exposición e presentes neste acto de presentación”. E augurou un “éxito de visitas de A Galicia inédita en Vilagarcía, porque é unha cidade que ten unha gran sensibilidade pola cultura”.
Pola súa banda, María Méndez sinalou que “Vilagarcía de Arousa é un porto ao que chegamos logo dun longo periplo polo territorio galego e nacional”. “Agardamos”, engadiu, “que esta exitosa experiencia que nos permitiu facer visíbel o traballo de xornalistas e fotoxornalistas, volva ser acollida co mesmo afecto e veneración, tanto polas xentes, como polos rexedores das cidades, nunha seguinte edición”.
Alberto Avendaño quixo poñer o acento en que “o fotógrafo dálle ao escritor e ao espectador un campo de xogo ilimitado”. “A gran fotografía que se fai en Galicia”, seguiu, “fainos transcender como seres humanos: o agravio, o desagravio, a felicidade e o noxo conviven coa perplexidade”. “O escritor ofrece palabras”, dixo tamén, “ofrece palabras e o fotógrafo, ollos… é todo un privilexio ser parte dun dos moitos pés de foto que aquí se expoñen”.

O comisario da exposición, Fernando Blanco, quixo agradecer unha vez máis “a tódolos fotoxornalistas e xornalistas que participan na mostra, porque sen eles sería imposíbel ter chegado a onde temos chegado; con especial énfase, neste caso, aos da comarca arousá, que hoxe ocupan un lugar destacado nesta sala municipal que acolle as nosas obras”.
Blanco Rajo afirmou que “as imaxes expostas aquí non só plasman lugares, sucesos e personaxes que marcaron os últimos anos de Galicia, senón que serven para sacar á luz parte da obra duns profesionais que, unhas veces polas urxencias informativas, e outras por non ser consideradas como deberían, non sempre chegan ao gran público”. “As fotografías da exposición representan a unha grande porcentaxe dos fotoxornalistas que traballan na nosa comunidade e enriquécense cos textos dos xornalistas que as acompañan… como sempre digo, agora só agardamos que as persoas que se acheguen a esta sala para velas, gocen tanto delas como nós gozamos facéndoas”, concluíu o comisario.

Finalmente, José Luiz Oubiña, deu as gracias “a tódolos fotógrafos que achegaron o seu traballo para esta exposición, así como ao Concello de Vilagarcía, aos seus técnicos, aos organizadores, á APG e á futura asociación de fotoxornalistas galegos, que neste momento está practicamente consolidada”. “A nosa profesión está en risco”, afirmou, “xa que competimos coas intelixencias artificiais, cos teléfonos móbiles e cos gabinetes; pero contamos como armas para defendernos coa creatividade, coa ollada distinta, coa experiencia e coa unión para loitarmos xuntos… e sermos inéditos no noso traballo”.
A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego, que chega á capital arousá da man do departamento de Cultura do Concello de Vilagarcía, permanecerá aberta ao público na sala Antón Rivas Briones, con entrada libre, ata o próximo 25 de maio, en horario de 10,30h a 13,30h e de 18,00h a 21,00h, de luns a sábado; e de 11,00h a 14,00, os domingos.