O Concello de Rianxo compartiu a axenda de intervencións deste inicio de primavera abeiradas ao Plan de Mantemento de Pistas Municipais, elaborada polo Executivo local. Trátase da previsión de traballos de roza de despexe de estradas rianxeiras que se levarán a cabo nas vindeiras semanas, as dos meses de abril e maio, en diferentes núcleos do termo municipal. Os traballos comezarán este 21 de abril en Rianxiño e estenderanse nesta parroquia durante toda a semana. Proseguirán as dúas semanas seguintes en Rañó, Meiquiz e Rial, para logo abordar a rede de pistas de Isorna. A partir do 19 de maio os traballos porán o foco no Pazo e O Barral.

Prevese que durante o 2025 se realicen dúas rozas manuais das pistas de todos os núcleos do municipio, o que equivale a 160,52 km lineais.
