Cine e educación: experiencias de Galicia e Portugal é o título da xornada coa que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Museo do Pobo Galego e a Asociación Cultural Olloboi (con sede en Boiro), amosan este venres 4 de abril (a partir das 10.00 horas) dinámicas consolidadas de pedagoxía do cinema nas aulas galegas en diferentes niveis educativos. Ademais, tamén se achega ás prácticas que se están a desenvolver en Portugal. A sesión, coordinada por Cristina Domínguez, Beli Martínez, Ana Moreiras e José Manuel Sande, pódese seguir en directo desde o web institucional e a canle de Youtube (sesión de mañá e sesión de tarde).

A xornada pretende poñer o foco na relación entre o audiovisual e a educación. Tal e como figura no folleto de presentación da actividade “o cine nas aulas empregouse como apoio desde que tecnicamente foi posíbel facer proxeccións, pero circunscrita ao ensino postobrigatorio en Galicia no ano 1989 coa creación da Escola de Imaxe e Son da Coruña”.
A xornada divídese en dúas partes. Unha de mañá na que haberá dúas mesas redondas encamiñadas a afondar no cinema como un instrumento didáctico. A primeira mesa titúlase Educación audiovisual na universidade: da educación artística á industria está moderada por José Manuel Sande e nela participan Dolores Meijomín (AGADIC), Chelo Loureiro (Abano Producións) e Felipe M. Guerra (Associação Ao Norte). A segunda mesa, O cine como ferramenta pedagóxica, moderada por Ana Moreiras e na que participan Sergio Clavero da facultade de Ciencias da Educación da USC e docente responsábel de Aturuxo Films (IES Cacheiras); Mónica García da Filmoteca de Galicia que falará do proxecto Cinema en curso; e, pola banda portuguesa, Elsa Cerqueira profesora de Filosofia na Escola Secundária de Amarante, galardoada co Global Teacher Prize Portugal polo proxecto Filosofia com Cinema para Crianças.
Pola tarde celebrarase a exposición de iniciativas singulares que se están a desenvolver en Galicia e Portugal. Arrinca cunha introdución a cargo de José Manuel Sande e de Ana Moreiras da Asociación Cultural Olloboi, previa á exposición de proxectos. Pola banda galega exporase o Programa Cinema e escola do Concello da Coruña máis o MICEscola. Cinema e etnografía nas aulas, mentres que pola banda portuguesa achegaranse dous proxectos que se están a desenvolver en Viana como o Encontro luso-galaico de cine escolar e Vamos Fazer Um Filme. Tamén haberá un oco para coñecer proxectos interdisciplinares na secundaria que exporá Xiao Berlai do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón en Dodro.
Esta xornada está organizada pola sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais que coordina Cristina Domínguez e que contra entre os seus membros con Eduardo Alonso, Natalia Balseiro, Montserrat Capelán, Carlos Vizcaíno Fernández, Beli Martínez, Ramón Pinheiro e José Manuel Sande.




