O Convento do Carme de Padrón converteuse esta fin de semana nun punto de encontro para amantes da natureza e da arte floral coa celebración da IX Exposición da Camelia e do Bonsái. O evento, organizado polo Concello de Padrón coa dirección de José Freire, reuniu un récord de 72 expositores, “consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario floral galego”, sinalaron fontes do Consistorio.

A primeira xornada, celebrada o sábado 29 de marzo, comezou coa colocación das flores e cun emotivo acto de inauguración que destacou pola irmandade entre a Exposición da Camelia de Vedra e a de Padrón. O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o de Vedra, Carlos Martínez, asinaron no libro de honra do Convento, deixando constancia dos lazos que unen a ambos municipios. O acto contou ademais coa presenza de numerosos veciños de Vedra que se desprazaron ata Padrón para participar na xornada.
Un dos momentos máis agardados foi a entrega de premios aos mellores expositores nas seis categorías establecidas, que recoñeceron a calidade e a beleza das camelias presentadas.

Os galardoados foron:
Mellor flor de orixe galego: Eusebio López (Fene)
Camelia xapónica: Maru Míguez (Pontevedra)
Camelia reticulata: Isabel Pazos (Tomiño)
Camelia híbrida: Geli Piñeiro (Tomiño)
Outras especies de camelia: Abelardo Barcala (Vilagarcía)
Premio Camelia do Sar: Serafina Rodríguez (Vilagarcía)
Ademais, a xornada contou cun obradoiro de elaboración de sombreiros sancosmeiros e unha demostración de arte floral con camelias a cargo de Floraría Chorima.
O domingo 30 de marzo, a Televisión de Galicia (TVG) achegouse ata o Convento para gravar unha reportaxe sobre o evento, poñendo en valor a riqueza natural e artística da exposición.
Durante o día, os asistentes puideron participar en diversas actividades como un obradoiro de cerámica, unha visita guiada pola exposición con José Freire e un taller de poda e coidado de froiteiras impartido por Alfonso Touceda no exterior do convento aproveitando o bo tempo deste domingo.
A exposición deste ano volveu contar cunha impresionante colección de bonsáis grazas ao traballo de Luis Baliño e José Freire, ademais dunha mostra de xoiería inspirada en camelias e orquídeas. Tamén se exhibiron esculturas das artistas Ángeles Garrido e Ana González, así como creacións do alumnado de Ategal Padrón.
O certame pechou as súa portas ás 19:00 horas do domingo, deixando unha fin de semana inesquecible para Padrón e para todos os amantes da camelia e do bonsái. O evento, que cada ano gaña máis relevancia, reafírmase como unha cita imprescindible no calendario cultural e botánico de Galicia.



