Render homenaxe e salvagardar a memoria dunha muller do Grove e do grupo de mulleres polas que se fixo acompañar para coser coas súas mans pezas únicas que se exhibirían fóra das nosas fronteiras (París, Milán, Dubai…) é o obxectivo do documental As mulleres dos fíos, que nos fala de Lolita Aguín e do seu equipo.

Un filme feito a través de micromecenado en Verkami por Elena Martín (neta de Lolita) e Pablo Santiago (ambos de Xarda Cooperativa) coa implicación da familia Lores-Aguín e cun resultado que mestura ben a ollada familiar (sempre con amor) e o enfoque emprendedor e feminista desta aventura de mulleres do Grove que marcaron o estilo dunha roupa dende finais dos sesenta e até mediados-finais dos 90, unha roupa que ía alén de ser vestida, convertendo os tecidos empregados en pezas únicas de arte que aínda algunhas apaixonadas da nosa moda gardan coma “pequenos grandes” tesouros.

Foi este pasado sábado 15 de marzo cando o Auditorio Municipal do Grove acollía a estrea do documental As mulleres dos fíos. O encontro daba comezo ás 17:30h para poder descubrir algo máis da figura de Lolita Aguín, pois amais de deseñadora de moda, tamén era pintora (licenciada en Belas Artes con máis de 60 anos). Os lenzos de Lolita estaban acompañados por pezas de roupa da marca grovense expostas en manequíns ao longo do Auditorio. Xa na sala de proxección a presentación correu a cargo da directora Elena Martín, acompañada por Rita Domínguez (neta tamén de Lolita e encargada do desfile de moda).

O documental de 50 minutos de duración serviu para dar conta da boa relación que Aguín tiña coas “mulleres dos fíos”, empregadas e compañeiras que relataron mediante entrevistas que supuxo a participación na empresa téxtil do Grove. Tamén no filme se puido ver á familia de Lolita, que contou máis dende dentro como era ela na casa e cos seus. A roupa de Lolita recalou en moitos lugares, unha tenda de Compostela (Marusía) deu acubillo aos últimos modelos da marca do Grove, tamén no documental se dá conta diso. Como homenaxe ás protagonistas presentes na sala, as Mulleres dos fíos subiron ao escenario e adicaron unhas palabras a Lolita e a esa etapa da súa vida que lembraron con cariño. Ademais, amosaron unanimidade no recoñecemento á memoria da deseñadora e propuxeron ao Concello que lle adique unha rúa da vila á súa figura.

Na segunda metade do acto, celebrouse un desfile pola pasarela habilitada con diversos modelos de Lolita, prendas cargadas de historia e completamente actuais.

Para pechar este encontro, unha das fillas de Lolita, Marta Lores, deu as grazas a todas as persoas asistentes e convidou a subir ao alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, que tivo unhas fermosas palabras para a homenaxeada, parte xa da historia da vila.




