O alcalde, José Ramón Romero, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, o presidente do CD Boiro, Marcos Martínez; mantiveron este venres 14 de marzo unha xuntanza no Campo de Futbol de Barraña para analizar as posibilidades de renovar a gradaría do campo. Na xuntanza estiveron o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, e outros directivos do club. Marcos Martinez agradeceu a visita do novo presidente da federación para coñecer as instalacións e a directiva do club e “escoitar as propostas que temos para renovar o uso destas instalacións que teñen máis de 50 anos de actividade deportiva”.
Na xuntanza analizáronse as posibilidades de renovación das gradas, unhas estruturas que “son instalacións moi antigas e, aínda que se está a facer mantemento e arranxos, é o momento de pensar nunha renovación integral que dea resposta ás necesidades actuais do club e facelo contando co apoio do Club, a Federación e por suposto o Concello”, afirmou o alcalde.

O presidente da Federación, Pablo Prieto, felicitou ao club por “estes últimos anos que foron difíciles pero que ao final, con esforzo, conseguiu saír adiante”. Engadiu que dentro da liña de traballo da Federación está a de estar preto dos clubs e compartir os proxectos que dignifican o fútbol especialmente en entidades tan sobranceiras como o Club Deportivo Boiro”.
Durante a visita coñeceron tamén as actuacións realizadas nas oficinas do estadio para dotalas de mellores servizos para o club como unha sala de xuntas e unha sala de prensa, ademais dun despacho no que desenvolver a actividade administrativa do club.





