A asociación inclusiva da nosa comarca Amicos impulsa dende finais de 2023 o proxecto europeo Imagine!, que ten o obxectivo de reforzar a cidadanía activa, as competencias cívicas, a forma ión e a empregbilidade entre a xuventude con e sen discapacidade xunta a Cooperativa Lunetica, de Italia. No marco do mesmo, esta semana un grupo de mozas italianas visitaron os centros da entidade boirense como clausura da iniciativa, co obxectivo de coñecer as boas prácticas que se aplican tanto no apoio a persoas con discapacidade intelectual como no desenvolvemento de proxectos de participación ambiental e social conducidos polos activistas da entidade.

Este mércores, 19 de marzo, o grupo puido coñecer de primeira man a metodoloxía e o funcionamento do Centro de Educación Especial de Amicos, emprazado en Oleiros (Ribeira), así como os proxectos de integración desenvolvidos pola área de pequenas/os da entidade.
Nuria Fernández, responsábel desta área, foi a encargada de explicarlles as opcións coas que contan as familias e os apoios que se lle prestan dende Amicos. Durante a mañá, realizaron un percorrido polo centro de Oleiros para coñecer o equipo e os recursos cos que conta o centro para ofrecer un apoio integral e especializado aos nenos e nenas de 3 a 21 anos que acoden ao mesmo.

A visita completa así o programa de intercambios para o coñecemento mutuo das boas prácticas de ambas entidades, grazas ao que en febreiro un grupo de mozos e mozas de Amicos visitaron o centro de Lunetica en Bra, na zona de Piamonte (Italia).
Sonia Lamas, técnica de Proxectos Europeos, destacou a combinación de ambas entidades: “Conseguimos facer unha mestura das nosas metodoloxías e o traballo pola inclusión coas metodoloxías de Lunetica para a dinamización xuvenil, o que enriqueceu este proxecto. Como resultado desta aprendizaxe mutua elaborouse unha guía combinando a Peer Education (aprendizaxe entre pares) e a metodoloxía inclusiva centrada na persoa” destinada ás asociacións que queiran pór en marcha iniciativas xuvenís.

Elisa Bussi, coordinadora do proxecto e membro de Lunetica, destacou que “decidimos traballar xunta a asociación Amicos porque as competencias das nosas organizacións combinan perfectamente. O proxecto desenvolveuse a través de diversas accións, e construímos unha formación común que versou sobre integración, tramitación educativa e política xuvenil; que trasladamos a través dunha guía de descarga gratuíta”.
Pola súa parte Nuria Fernández, quen guiou o percorrido polas instalacións do Centro de Educación Especial resaltou o máis importante: “Compartir con elas o labor que se leva a cabo dentro das aulas cos nenos e nenas, ademais das experiencias destas iniciativas, que contribúen a relacionarse con outros centros que traballan no mesmo sector”.

Imagine! xorde coa finalidade de fomentar a inclusión e a integración social en mozos e mozas con discapacidade a través da formación de grupos mixtos de dinamización xuvenil. Así, no marco do proxecto elaborouse unha guía dirixida a entidades que buscan derrubar barreiras en contornas xuvenís, a través de grupos participativos e dinamizados; polo que inclúe normativa legal e estratéxica, bases metodolóxicas e actividades prácticas. Asemade, estes coñecementos e metodoloxías aplicáronse tamén nunha serie de pensadoiros realizados en distintos centros de educación secundaria durante o curso 2024/25, nos que mozos/as con discapacidade intelectual e alumnado reflexionaron sobre distintas temáticas sociais.

As actividades de Imagine! buscaron promover a formación de grupos informais de adolescentes, con e sen discapacidade, cos que se fomentou o seu apoderamento, autonomía, e a participación activa no seu contorno. Con este obxectivo, fomentouse o deseño de actividades sobre activismo, ocio ou aprendizaxe que sexan do interese das mozas e mozos participantes, co obxectivo de incrementar a súa autoestima e desenvolver habilidades para a convivencia pacífica, a tolerancia, e a vida democrática e participativa.
Imagine! está financiado pola Unión Europa a través do programa Erasmus+, no marco dos consorcios a pequena escala (KA210).