
A Fundación INCYDE e o Concello de Ribeira organizan este mes un evento formativo de transformación tecnolóxica para as pemes e as persoas autónomas. Estamos a falar da xornada Facturación Electrónica e Acceso á Plataforma do Sector Público, que está prevista para o vindeiro luns 24 de febreiro, en horario de tarde (de 16.00 A 18.00 horas) no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira.
Trátase dunha xornada presencial e gratuíta onde se tratarán as seguintes temáticas: introdución, marco normativo e implementación da facturación electrónica, seguridade e protección de datos, optimización de procesos administrativos, acceso á plataforma de contratación do sector público e marco normativo da contratación pública.
Será impartida por Begoña Costa, economista, mestrado en dirección e xestión de RRHH (Recursos Humanos) e socia fundadora de C&B asociados. A docente conta cunha dilatada traxectoria en consultoría, asesoría e emprendemento, como mentora especializada en finanzas, fiscalidade e financiamento de proxectos, ademais de como mentora de proxectos emprendedores.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través do formulario de Google Forms habilitado na web do Concello de Ribeira ou presencialmente na OAC ou no Viveiro de Empresas do Concello de Ribeira.