O Entroido de Padrón aumenta a súa dotación e repartirá máis de 6.000 euros en premios

05 Febreiro 2025

O Concello de Padrón organiza unha nova edición do concurso de disfraces, carrozas e comparsas con motivo do Entroido 2025 que se celebrará o sábado 8 de marzo, coincidindo co sábado de piñata. Dende o Goberno local informaron que este ano a dotación económica do certame “incrementouse en 600 euros, acadando un total de 6.010 euros en premios, fronte aos 5.410 euros da pasada edición”.

A participación está aberta a seis categorías diferentes: individual infantil (de 0 a 14 anos), individual adulto (maiores de 14), parella, comparsa/grupo de ata 20 membros, comparsa/grupo de máis de 20 membros e comparsa/grupo local de máis de 10 membros. Ao igual que en anteriores edicións, os menores de idade que concursen deberán estar acompañados por unha persoa adulta durante todo o percorrido.

Moito ambiente nas rúas de Padrón durante o desfile de Entroido

Maior contía en premios

O Concello engade que o aumento na dotación económica céntrase na categoría de comparsas/grupos de máis de 20 membros, na que os premios pasan a ser de 1.200 euros para o primeiro clasificado, 800 euros para o segundo e 600 euros para o terceiro, incrementando en 600 euros a contía total respecto ao 2024. As comparsas maiores de 10 membros do concello de Padrón (que o 60% dos/das participantes estean empadroados neste concello) percibirán unha gratificación de 100 € mentres que as asociacións e centros educativos do municipio que participen neste concurso como comparsa/grupo percibirán unha gratificación de 200 €. Nas categorías individuais, os premios oscilarán entre 30 e 120 euros.

O prazo de inscrición estará aberto ata o xoves 6 de marzo ás 14:00 horas e poderá realizarse de forma presencial nas oficinas do Centro Social do Concello de Padrón ou a través do correo electrónico cultura@padron.gal, sendo imprescindible recibir confirmación da Concellaría de Festexos para que a inscrición sexa válida.

O xurado estará presidido pola concelleira de Festexos, Chus Campos, e estará formada por un mínimo de catro e un máximo de seis vogais, ademais dunha persoa da Concellería de Cultura que exercerá como secretaria con voz pero sen voto. Entre os criterios de valoración, teranse en conta a orixinalidade dos disfraces, a creatividade, a imaxinación e a posta en escena durante o desfile. A resolución do xurado farase pública no taboleiro de anuncios do Centro Social e será “inapelábel”.

Gañadoras da anterior edición

Percorrido e normativa

O percorrido do desfile manterase sen cambios respecto a anos anteriores. As persoas participantes deberán estar ás 15:30 horas na N-550, á altura da Pensión Restaurante Bar Grilo, para a entrega e colocación dos dorsais. O desfile dará comezo ás 17:00 horas e transcorrerá pola Avenida de Compostela ata a zona das Lágrimas, desviándose cara á Rúa Porta Fondo de Vila e finalizando no Campo do Souto.

O Concello lembra que non se permitirá o consumo de alcohol ou drogas durante o desfile, nin a participación baixo os seus efectos. Así mesmo, a organización resérvase o dereito de descualificación en caso de incumprimento das bases, incluíndo actitudes contrarias á igualdade de xénero ou que inciten á discriminación.

A participación no concurso implica a aceptación das bases e a autorización para a difusión de imaxes dos participantes con fins promocionais. Toda a información e as follas de inscrición están dispoñíbeis na web municipal.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...