
O Concello de Boiro recibiu da Deputación da Coruña unha subvención por importe de 18.000 euros para financiar gastos de persoal técnico dos servizos de normalización lingüística en 2025.
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Boiro foi creado no ano 1993 tratando de fomentar o uso do galego en todos os eidos municipais, non só no plano administrativo senón no conxunto da sociedade. O servizo desempeña unha función normalizadora e dinamizadora da lingua para impulsar o galego na vida pública e sociocultural da vila.
O persoal do departamento traballa tanto a nivel interno como externo. Por unha banda, realizando asesoramento aos compañeiros e compañeiras dos distintos departamentos co obxectivo de asegurar o uso do galego na Administración, e pola outra, a nivel externo, organízanse ao longo do ano diversas actividades para promover o seu uso no ámbito educativo, empresarial, asociativo…
Entre as actividades que se desenvolven ao longo do ano dende o Concello de Boiro para fomentar o uso do galego están todas as actividades relacionadas coas Letras Galegas, o Día de Rosalía, exposicións e concertos, o Certame de Regueifas cos centros de ensino do municipio, a mostra de teatro escolar ou o programa de cinema familiar.