
O Concello de Boiro, no marco do Proxecto EnClave 2024/2025, leva a cabo cos centros de ensino do municipio un programa de hixiene bucodental coa Universidade de Santiago de Compostela. O pasado venres 31 de xaneiro tivo lugar a primeira sesión co CEIP Santa Baia e nas vindeiras semanas celebraranse nos demais centros de ensino. O obxectivo desta actividade, que é de participación voluntaria e destinada ao alumnado de 2º e 6º curso de primaria, é recibir formación adaptada á idade sobre medidas de hixiene oral e dieta non carioxénica para mellorar a saúde oral, así como someterse a unha exploración oral convencional para coñecer se presenta algún tipo de patoloxía oral.
A actividade constará de varias sesións nas que se lle dará ao alumnado un obradoiro informativo sobre os factores de risco de carie dental e sobre como aplicar medidas de prevención para evitar a aparición de enfermidades dentais. Logo, un profesor da Facultade e un alumno de último curso realizarán un exame estándar a cada alumno para coñecer o estado de saúde e a posible necesidade de tratamento. A exploración concluirá cunha demostración práctica das medidas de hixiene explicadas no taller.
Esta actividade xorde dunha colaboración entre o Concello de Boiro e a Facultade de Odontoloxía da USC (Universidade de Santiago de Compostela) e está financiada no marco do proxecto EnClave 2024/2025. O Proxecto naceu no ano 2021 co obxectivo de previr o acoso escolar e promover o benestar emocional e a saúde mental nos centros de ensino do municipio e no que este ano se invisten 60.000 euros para desenvolver programas como o de hixiene bucodental, detección temperá da dislexia e TDA/H, prevención do acoso escolar, xogo dramático, avaliación optométrica e visual ou o programa de saúde mental.