O Pazo de Goiáns (Boiro), recentemente remodelado polo actual Goberno local e posto a disposición da veciñanza e da intensa actividade cultural do concello, acolleu este 16 de xaneiro a visita do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que estivo acompañado do alcalde, José Ramón Romero, para coñecer o resultado das obras de rehabilitacion da Capela do Pazo. Esta actuación contou co co-financiamento da entidade provincial.

Segundo lembraron o rexedor e o videpresidente, os traballos desenvolvidos na capela ascenderon aos 110.133,81 euros dos que a Administración provincial aportou un 80% e que “permitiron realizar unha consolidación, sen alterar a estética, dos restos conservados integramente así como rehabilitar a cuberta, os muros e as carpinterías e instalar nova iluminación nunha edificación que se atopaba nun estado de deterioro avanzado”.

O vicepresidente, Xosé Regueira, felicitou ao alcalde e ao equipo de Goberno polo “excelente resultado das obras de posta en valor dun espazo tan emblemático como este” e destacou o esforzo municipal “ante un reto tan significativo como o de recuperar esta capela”. Engadiu que dende Deputación “temos o compromiso de intentar axudar aos concellos a preservar o seu patrimonio e poñelo ao servizo da cidadanía”. Agradeceu ao alcalde a “sensibilidade” e destacou a relevancia do Pazo de Goiáns, “que agora mesmo fai servizo de país para toda Galicia”.

Pola súa parte, o alcalde, José Ramón Romero, agradeceu a implicación da Deputación da Coruña “por axudarnos a levar a cabo esta actuación importante para seguir recuperando o noso patrimonio do Pazo de Goiáns para poñer a disposición da veciñanza para o seu uso e desfrute”.
A Capela de Goiáns que se vén de rehabilitar foi fundada en 1630 por don Jorge Varela de Castro Sotomayor, quinto maiorazgo do Pazo de Goiáns. Naquel momento, a súa tribuna comunicábase coa vivenda mediante unha escaleira exterior que daba a unha pequena terraza, desde a que se accedía a través dunha porta á sala do reloxo do pazo, co obxectivo de resgardar aos señores e á familia das inclemencias meteorolóxicas. Dedúcese que sobre os alicerces da antiga capela edificouse a actual.

O Pazo de Goiáns é unha antiga fortaleza medieval situada ao pé do esteiro do río Coroño. O inmóbel principal e a torre foron rehabilitados no ano 2022 así como o acondicionamento da finca, que ten unhas dimensións de 120.000 metros cadrados e na que se atopan especies singulares. Conta con embarcadoiro, antigas pesqueiras, pombal, hórreo e outras edificacións anexas ao inmoble principal.
Ademais da rehabilitación da capela, no último ano realizáronse tamén actuacións para a mellora ambiental do esteiro unhas actuacións de 204.024 euros mediante as que se conectou o Pazo de Goiáns co núcleo urbano, mellorando a súa accesibilidade e dándolle un valor engadido á súa contorna natural.

O obxectivo do Concello de Boiro é seguir traballando na rehabilitación das vivendas auxiliares que se atopan na finca de Goiáns como son os lagares ou a casa dos caseiros, dos que xa hai proxectos e se están a estudar as liñas de financiamento para poder acometer as actuacións.