Ribeira e as parroquias vibrarán este Nadal cunha axenda repleta de actividades

10 Decembro 2024

O Concello de Ribeira, a través da Concellería de Cultura e Festexos e coa colaboración doutras áreas como Comercio, Turismo e Xuventude, elaborou este ano unha nutrida e diversa programación de Nadal con firme de vontade de descentralizar a axenda (haberá actividades en todas as parroquias) e de satisfacer todas as demandas e todas as idades. Na presentación participaron o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, a concelleira de Cultura, Antía Alberte e a concelleira de Promoción Económica, Genoveva Betanzos. Segundo explicaron, a axenda desenvolverase sobre todo en horario de tarde con propostas e accións para todos os públicos, con especial aposta por aquelas actividades de carácter infantil-familiar e tamén con accións e festivais do tecido social e entidades culturais. Ademais, as actividades terán como transversalidade a personalización das actuacións para nenos e nenas neurodiverxentes.

A concelleira Antía Alberte explicou que “aínda que xa tivemos a pasada semana un pequeno avance coa inauguración das luces e o Belén de Ribeira, e tamén está en marcha o concurso de embelecemento de fachadas, será a partir desta fin de semana cando arranque de pleno o Nadal coa apertura do Belén en Aguiño xa o venres 13, e o sábado 14 coa gala de Nadal solidaria que por estas datas sempre organiza Cáritas Parroquial e que terá lugar no Auditorio Municipal ás 19:15 horas”.

Destacou que as instalacións do Auditorio estarán repletas de propostas de lecer durante estas festas, así, trala gala de Nadal de Cáritas celebrarase ao día seguinte, domingo 15, o musical infantil La Reina del Hielo, e nas seguintes fins de semana os festivais de Nadal de Bailadela, Alfaia, Amas de Casa, Tahúme…. así como unha lectura dramatizada do Conto de Nadal de Dickens por parte do Grupo Municipal de Teatro. Tamén dixo que unha vez comecen as vacacións escolares tamén se programarán espectáculos infantís de maxia, monicreques e música gratuítos, con compañías como Teatro Calavera, Mago Rivel ou Paco Nogueiras.

Este Nadal, ademais do espectáculo inspirado na película de Frozen incorporase tamén outra proposta de mediano gran formato como é o espectáculo Monstros, da compañía teatral Excéntricas, para público familiar. Para esta obra estableceuse un prezo público por entrada de 3,5 € (máis gastos de xestión – quedando a entrada en 4€). Estas entradas deberán mercarse a través da billeteira de ataquilla.com a partir do luns 16 de decembro e todas as persoas que desexen asistir, con independencia da súa idade, deberán facerse con unha.

A edil de Cultura destacou a implicación do ámbito social: “Contaremos tamén, como é habitual, cunha ampla variedade de actos impulsados polo tecido social como xa ben dixemos cos festivais de Nadal, pero tamén con outras propostas como a festa da tortilla e da empanada en Bandourrío, a festa infantil de ICE Renovación, o Concerto de Panxoliñas da Rondalla de Aguiño, a foliada da comisión de festas de Palmeira e o Concerto de Confraternidade no que participarán a Coral Municipal e a Coral do Círculo Mercantil e que terá lugar o venres 20 ás oito da tarde na Igrexa Parroquial de Ribeira”.

Tamén haberá dúas sesións especialmente dirixidas a bebés e as súas familias, os sábados 14 e 28 de decembro. E así mesmo, volverá a funcionar o Recuncho de Nadal que este ano muda de localización e instalarase na praza de Pablo Neruda. A casiña de madeira abrirá as súas portas o venres 20 ás seis da tarde coa presenza dos Bolechas, e a partir dese momento alternarán nesta localización (segundo os días) o Apalpador, o Pai Noel e o Carteiro Real para que os máis pequenos e pequenas poidan achegarse a visitar a estas personaxes e deixarlles as súas cartas e desexos. Ademais recibirán rifas de balde para o sorteo dos tres agasallos que como é habitual sortean os Reis Magos o día da Cabalgata.

Antía Alberte tivo unha mención especial ás parroquias: “As parroquias contarán coa programación infantil e actividades especiais que estarán viaxando por todas elas polas tardes dende o 21 de decembro, que arrancará en Palmeira ata o 3 de xaneiro que rematará en Carreira. Neste Nadal todas as parroquias desfrutarán de inchábeis, visitas do carteiro real, obradoiros infantís de adobíos de Nadal e globoflexia e sesión disco musical”. Os nenos e nenas que acudan ás actividades recibirán unha rifa para participar no sorteo dos agasallos que realizarán os Reis Magos o día da Cabalgata.

Respecto da Noite Vella, en colaboración coa área de Xuventude, festexarase o remate do ano e comezo do novo cunha sesión de DJ Mateo Abelleira e Diego Tercero.

Impulso ao comercio

Haberá tamén propostas de dinamización comercial e animación das rúas… pois “o Nadal é tamén unha época moi importante para o sector do comercio e a hostalería”, explicou Genoveva Hermo, engadindo que “foi posto en marcha o concurso de embelecemento nas categorías de decoración de comercios e locais de hostalería, que ten aínda o prazo aberto para recibir participantes ata o 18 de decembro”. Por outra banda, dende o Concello de Ribeira achégase ao comercio local 5.000€ para animar a consumir nos negocios de proximidade.

Ademais disto, dende o Concello de Ribeira colabórase para que familias con menos recursos poidan acudir á pista de xeo, mediante a compra de entradas.

Ademais contarase coa animación musical das charangas Os Celtas da Baña e Fanfarria Furruxa os días 24 e 31 de decembro, que estarán tocando pola cidade para animar as compras e a hostalería nas tardes da Noiteboa e fin de ano.

Xunto con isto, dende esta Concellería de Promoción Económica apostouse de novo pola instalación do fío musical polas principais rúas comerciais do centro de Ribeira cun reforzo e ampliación do mesmo para que chegue a máis zonas do casco urbano. Betanzos rematou sinalando que “ademais teremos o tren infantil durante catro xornadas, pois é unha das propostas de rúa que máis gustan a maiores e pequenos”. O expreso de Oriente circulará o martes 24 (noiteboa) e o 31 de decembro (fin de ano) así como os sábados 28 de decembro e 4 de xaneiro. O horario será de 11 da mañá a 14:00 h e polas tardes de 16:00 a 19:00 h.

Amais, ofreceranse 9 concertos de Rúas Musicais: Airband (sábado 14 de decembro na rúa do Sal ás 15.00 horas), Os Buguis (14 de decembro no Chiringuito Pedra Pateira ás 21h), D’Crooners (14 de decembro na Caseira, ás 23h), Os Buguis (venres 20 en A Taberna de Horse Luis, ás 21.30h), Chamaquito Pistolas (o 26 de decembro no Tagen Ata ás 20.30h), Leite con Jalletas (o martes 31 no exterior de A Recoveira ás 17h), Leite con Jalletas (o venres 3 de xaneiro no Liverpool Music Club ás 21.30h), Espiño Band (o 4 de xaneiro no Clandestino, ás 21h) e As Pandeireteiras de Tahume (o domingo 5 de xaneiro no Cocoluche, ás 13h).

O segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, destacou a proposta do Bus Real que volverá levar aos Reis Magos de Oriente a todas as parroquias do municipio na xornada do domingo 5 de xaneiro, comezando ás 10 en Corrubedo e rematando ás 17:30h en Carreira, “xa que logo As Súas Maxestades terán que voltar a Ribeira para participar na nosa Cabalgata”. Esta será ás 18.00 coa chegada dos Reis Magos ao porto de Ribeira para a súa posterior saída dende a rúa de Canarias, e ao remate terán a recepción na praza de España onde estará o Belén Vivinte e onde realizarán o sorteo de tres agasallos. Sobre a Cabalgata difundiranse todos os detalles en vindeiras datas, unha vez se teñan pechadas todas as agrupacións e animacións participantes.

Outros artigos

A Volta de Gloria preséntase en FITUR

A Volta de Gloria, o primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular baseado en dúas Rutas Xacobeas (o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia), fixo a súa presentación este venres 24 de xaneiro oficial en FITUR, a feira turística estatal de...

+

Sábado 25, marcado por chuvascos, frío e neve en cotas altas

Tras o paso dunha fronte durante a madrugada, Galicia quedará este sábado baixo a influencia dunha masa de aire frío, que deixará ceos parcialmente cubertos e precipitacións intermitentes ao longo da xornada. Os chuvascos serán máis frecuentes durante a mañá, con...

+

Ambar anuncia as últimas prazas da Formación de Cociña e Pastelería

O 17 de febreiro comezará no Centro de Recursos da Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional a formación de Cociña e Pastelería dirixida a persoas con diversidade funcional.Os Requisitos para inscribirse son: Ter unha diversidade igual ou superior ó 33%....

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

““Dictador perpetuo”. José Luis Calo Gonzalez

““Dictador perpetuo”. José Luis Calo Gonzalez

José Luis Calo González. Coordinador UCIN GaliciaQue é un real decreto “ómnibus” e cando recorren a el as administracións.Chámaselle así aos decretos lexislativos que agrupan diversas medidas oureformas de diferentes ámbitos, permitindo a súa aprobación conxunta,...