O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, reuniuse este martes 17 co director da Fundación RIA, que preside o recoñecido arquitecto afincando no Barbanza David Chipperfield, para analizar a colaboración entre esta entidade e a Fundación MOP (Marta Ortega Pérez) de cara ao deseño da planificación da fronte marítima da Pobra do Caramiñal, en tanto afecta á zona portuaria.
Segundo lembraron, o devandito deseño busca reordenar a fronte marítima urbana, na súa maioría administrada por Portos de Galicia. O punto de partida é o estudo realizado pola Fundación RIA en colaboración coa AXI para a integración urbana da estrada AC305 ao seu paso polo núcleo.
Esta planificación ten o obxectivo concreto de reorganizar e humanizar a fonte marítima, mellorando a relación entre os espazos portuarios e o núcleo urbano.
O presidente de Portos e o equipo técnico de RIA afondaron nas posibilidades de actuación, tendo en conta o procedemento que o Portos de Galicia ten en marcha para a reversión de terreos innecesarios para a actividade portuaria á Administración Xeral do Estado, e que inclúe, entre outros, ao peirao da Pobra do Caramiñal.




