
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) elixiu a novos académicos o pasado sábado 30 de novembro nunha sesión celebrada na súa sede. Tras as pertinentes votacións, resultou elixido novo académico de honra Francisco Expósito Paradela (Noia, 1948), coleccionista e mecenas de arte gráfico, ademais de fundador do Museo do Gravado e da Fundación Museo de Artes á Estampa Dixital en Artes de Ribeira.
Francisco Expósito é licenciado en Dereito pola Universidade de Barcelona e exerceu como letrado polos colexios de Madrid, Bilbao e A Coruña. Ademais da faceta académica e profesional, Expósito foi mariño de guerra no Corpo Xeral da Armada. Foi socio fundador do despacho Bufete Marítimo Mercantil. Foi director da Asociación Nacional de Empresas Estibadoras e Consignatarias de Buques (ANESCO) durante máis de 38 anos, entre cargos diversos en entidades relacionadas co mar, polo que recibiu a medalla do Mérito Naval.
A institución tamén escolleu a dous novos académicos correspondentes, Jorge Varela Barrio e Juan Ignacio del Cueto Ruiz-Funes.
Jorge Varela Barrio (Allariz, 1971) é escultor e investigador, doutor polas Universidades de Vigo e Santiago. A súa tese de doutoramento, dirixida por Mª Victoria Carballo-Calero e titulada Memoria e represión durante a Guerra Civil e o Franquismo. Interpretación e representación na arte actual en España, foi cualificada con sobresaínte cum laude. É especialista universitario en arte e crítica contemporánea pola Universidade de Santiago (USC). Actualmente imparte docencia nas Facultades de Historia e Belas Artes da Universidade de Vigo (UVigo).
Pola súa parte, Ignacio del Cueto Ruiz-Funes (Cidade de México, 1961) é arquitecto pola Universidade Nacional Autónoma de México e doutor pola Autónoma de Barcelona, onde recibiu o premio extraordinario, así como académico emérito da Academia de Arquitectura de México. Actualmente é director da Facultade de Arquitectura da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM).
I



