
O Concello de Boiro ampliou nesta recta final de ano a capacidade do Punto Limpo de Espiñeira para a fracción de recollida de podas “debido ao incremento que se está a producir e tamén mellora a información existente sobre o punto limpo coa renovación das placas identificativas”, explicaron fontes do Goberno local, engadindo que estas actuacións leváronse a cabo mediante unha subvención da Consellería de Medio Ambiente para actuacións en materia de residuos de competencia municipal.
O Concello lembrou que coa entrada en vigor da Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular non está permitida a queima de residuos xerados no entorno agrario e silvícola. “Esta novidade lexislativa fixo necesaria a procura de alternativas á xestión de residuos como pode ser a compostaxe ou o seu depósito no punto limpo”, explicou o Concello.
O Punto Limpo de Espiñeira contaba cun depósito de 20 metros cúbicos que resultaban insuficiente para atender a crecente demanda de depósito destes residuos polo que é necesaria a ampliación da súa capacidade. Ademais da ampliación desta fracción levouse a cabo no punto limpo a mellora da sinaléctica para identificar os distintos contedores para o depósito de residuos.
O Punto Limpo do Concello de Boiro atópase no Parque Empresarial de Espiñeira e está aberto de martes a sábado en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Para a recollida de enseres porta a porta é preciso facer unha solicitude previa no teléfono 981 83 89 08 ou no enderezo electrónico coregal.boiro@coregal.gal .



