O Concello de Rianxo, a través da Área de Cultura municipal, compartiu a axenda de actividades culturais para este primeiro treito do Nadal, unha axenda que inclúe as propostas das asociacións locais e que comezou este 5 de decembro co acendido oficial das luces na vila e nas parroquias. A cerimonia do prendido do alumeado festivo acompañouse no Auditorio de Rianxo cun espectáculo de maxia e ilusionismo a cargo de Santi Marcilla, e cun concerto posterior que veu da man de As Lens. O Concello explicou que ao longo dos seguintes días haberá “máis novidades” no proceso de embelecer as rúas de Rianxo e das parroquias para festexar ao grande estas celebracións sinaladas.

Festas DE SANTA BAIA NO ARAÑO – 7 e 8 DE DECEMBRO
Ao longo das xornadas do sábado 7 e domingo 8 e organizadas pola Asociación de Veciños do Araño e a Asociación Cultural Carballeira de Baia, terá lugar un amplo programa de actividades para celebrar a Festividade de Santa Baia, patroa da parroquia. Unha andaina polo Camiño Real e posterior concerto / sesión vermú, na mañá do sábado, seguida dunha representación de Títeres pola tarde e unha Cea – Baile conforman a programación do sábado día 7. O domingo 8, ademais dos actos relixiosos na honra da patroa, haberá tamén sesión vermú e mexilloada.

Exposición CASTELAO. O RETORNO A GALICIA, 1984. A PRESENZA DE RIANXO. XAN CARBALLA (Fotografías)
Un relatorio sobre o autor de Cousas e Os dous de sempre e a exposición Castelao. O Retorno a Galicia 1984, con fotografías de Xan Carballa, abre a programación conmemorativa dos Actos Castelao 2025 (75 aniversario). No coloquio-conservatorio, organizado polo Concello en colaboración do Museo de Pontevedra e a Fundación Castelao, intervirán Xan Carballa (autor das fotografías), Enrique Acuña (comisario da exposición), Xosé Bravo (alcalde de Rianxo no 1984), Miguel Anxo Seixas (investigador e presidente da Fundación Castelao) e Julián Bustelo (alcalde de Rianxo), actuando ademais como moderador. Unha vez rematado terá lugar a apertura da exposición con visita guiada a cargo do autor e o comisario.
Cando? Venres 13 de decembro, ás 20:30 h
Onde? Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo – Sala Arcos Moldes
A exposición fotográfica poderase visitar ata o 11 de xaneiro, de luns a venres de 10.00 a 14.00 h, ademais dalgunhas tardes, sábados e/ou festivos coincidindo cos horarios da programación cultural do Auditorio.

Festival de Nadal da Asociación Vai de Roda
Coas actuacións das diversas Aulas e Agrupacións da entidade, Vai de Roda inicia a xeira de Festivais de Nadal que, organizados polas diversas entidades asociativas do Concello, conforman a programación do Nadal e terán lugar no Auditorio de Rianxo ao longo do mes de Decembro.
Onde: Sala Arcos Moldes – Centro Sociocultural-Auditorio.
Cando: Sábado 14 de decembro, ás 17:30 h.
Entrada de balde ata completar capacidade. Retirada de convites na billeteira do Auditorio dende unha hora antes do comezo da función (máximo 2 por persoa).
Duración: 60 min. Todos os públicos.
