Nunha e outra esquina norte -Galicia e Cataluña- da península Ibérica, o nacionalismo traza futuros sen prazos alonxados do centralismo, de Madrid. Percuran xogar no eido dos Pobos sen Estado, cada quen ao seu xeito e protagonizado por partidos teóricamente confluíntes: BNG e ERC.
“Ja sóc aquí!”, dixo en Barcelona Josep Tarradellas no seu retorno a Catalunya dun exilio de 38 anos. Foi o 23 de outubro de 1977 cando o 125º president da Generalitat catalana proclamaba o seu desexo de recuperar o autogoberno alí onde se vivía a autonomía que consagraría posteriormente a Constitución Española, en vigor dende o 29 de decembro de 1978, que consolida un Estado de Dereito que asegura “o imperio da lei como expresión da vontade popular” cuxa soberanía nacional “reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado”.
“Ciutadans de Catalunya, ja sóc aquí!” foi a proclama de Tarradellas, un dos fundadores de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) que ven colidir, 47 anos dempois de seren pronunciadas, coa decisión de Poble Lliure -unha das principais organizacións integrantes da CUP- de se desvincular do Consell da República, a entidade de carácter privado que o expresident catalán Carles Puigdemont tentaba dende Bélxica converter no tren que conducira aos independentistas cataláns a aquel autogoberno que Josep Tarradellas deixara entrever.
Foi -é- Poble Lliure o conduto polo que, a través do Consell da República, quixo acadar obxectivos que hoxe en día recoñece non ter acadados. Por este motivo opta por utilizar outras vías para manter vivo o independentismo. Fáino causando baixa no Consell da República para apostar por “unha unidade popular catalana renovada” que conecte “amplos sectores da sociedade” apostando por un entendemento dese independentismo de esquerdas que reborde as dinámicas institucionais actuais.
Racha deste xeito Poble Lliure o deseño de Puigdemont desa especie de Generalitat paralela, cuxos pasos tentaba rexer dende 2018 en Waterloo e que o propio Puigdemont abandonara en outubro.
Cadra esta decisión e pronunciamento independentistas cataláns coa reafirmación do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de camiñar pola vìa da “capacidade plena de decisión en ámbitos clave para o desenvolvemento económico, social e cultural do país” sen interferencias centristas, nun estatus que incorpore un concerto económico e que permita que a chave dos cartos de Galicia “estea en mans da cidadanía galega e non en Madrid”, tal e como expresou a reelexida voceira nacional do BNG Ana Pontón, quen, na conmemoración do aniversario da Constitución española, dixo non poder “celebrar unha constitución que nos nega como nación e consolida unha monarquía antidemocrática”.
Ao reivindicar o legado do Partido Galeguista e de Castelao, o BNG defende un novo estatus para Galicia apostando por un tamén novo marco que “blinde” a capacidade plena de decisión en ámbitos clave para o desenvolvemento socioeconómico e cultural, e rexeita o actual marco vixente, que da “ás” ao centralismo “e consolida un modelo de expolio” que sofre Galicia e serve para explicar unha relación de dependencia que xustifica a desaparición das caixas de aforros, o bum eólico e a ameaza de proxectos como a macrocelulosa Altri ou a mina de Touro.