Amicos inspírase na literatura mariña para o seu Calendario Solidario 2025, presentado este xoves en Noia

19 Decembro 2024

O Teatro Coliseo Noela de Noia acolleu na mañá deste 19 de decembro o tradicional festival de Nadal da Asociación Amicos. O evento comezou ás 11.30 horas coa presentación do calendario solidario da entidade. A continuación, os e as integrantes de Amicos actuaron nunha sesión cargada de música, bailes, e distintas actuacións. Ao acto acudiron Laura Salgado, concelleira de Economía, Facenda e Xuventude; Digna Iglesias, vicepresidenda de Amicos, e Xoán España, director xeral da entidade, entre moitos outros integrantes da familia Amicos.

O festival arrincou coa presentación do calendario benéfico 2025 da entidade, que desta volta inspirouse en portadas de libros relacionadas co mar en liña coa súa temática Nadal mariñeiro. Así, a comunidade dos centros de Boiro e Oleiros púxose ante as cámaras de Lesmes Fotógrafos, dando como resultado un traballo do máis creativo. Os calendarios benéficos poden adquirirse no Centro de Atención Integral de Boiro, cun custo de 7 euros o de mesa completo, 5 sen a base de madeira, e 8 euros o almanaque grande para pendurar.

Digna Iglesias, vicepresidenta de Amicos, quixo destacar a gratitude de Amicos “con Lesmes Fotógrafos, pola súa colaboración constante coa nosa entidade”, e deu as grazas tamén ás empresas colaboradoras, “que fan que este calendario sexa posíbel, así como con todos os que colaboran con nós e ao Concello de Noia”.

Pola súa banda, a concelleira de Xuventude e Promoción Institucional de Noia, Laura Salgado, destacou que “dende o Concello de Noia estamos encantados de acoller este festival e esperamos que sigan contando con nós e con este espazo para vindeiras galas. Destaco as grandes actuacións dos participantes, que o fixeron estupendamente. Nós sempre estamos encantados de colaborar cunha causa social como esta, coa Asociación Amicos que se preocupa tanto da atención e apoio das persoas con discapacidade intelectual”.

Neste senso, o director xeral de Amicos, Xoán España, destacou que “estamos encantados de presentar, un ano máis, o noso calendario solidario. En Amicos, un dos nosos piares é o coidado dos océanos e ríos, e este ano quixemos darlles o protagonismo que merecen. Por iso, dedicamos os doce meses do calendario a recrear portadas de libros de temática mariña, un recurso crucial para a vida no noso planeta”.

España continuou salientando “un agradecemento especial ao estudio Lesmes Fotógrafos, que, coma sempre, fixo un traballo espectacular capturando estas imaxes que nos acompañarán durante todo o 2025”. E, por suposto, engadiu, “non podemos esquecer as 34 empresas colaboradoras. Grazas ao seu apoio, puidemos sacar adiante este proxecto que, ademais de ser precioso, contribúe a unha causa tan importante. Así, animámosvos a facervos co voso calendario e sumarvos ao noso labor por coidar o noso planeta”.

Tras estas palabras comezaron as actuacións, que foron presentadas por Nuria Fernández, coordinadora do centro de educación especial de Oleiros, e a peke Mariana Zurita. Ela mesma foi a encargada de inaugurar as actuacións, cunha magnífica interpretación vocal da canción da Historia Interminable.

Os seguintes foron as e os usuarios do centro de Boiro. O grupo de canto interpretou de maneira maxistral da canción de Aleluia, acompañados polas técnicas María Rodríguez e Rocío Varela. Tras esta, integrantes do CEEPR realizaron unha coreografía moi elaborada, aos que seguiron o grupo de amicos e amicas con mobilidade reducida e grandes necesidades de apoio.

A continuación foi a quenda dos bailes interpretados tanto polos rapaces e rapazas da área de pekes de Amicos como, de seguido, polo obradoiro de baile do Centro de Atención Integral da entidade.

Despois chegou o momento do obradoiro de teatro de Amicos, que representaron unha obra a través da que reivindicaron a necesidade de que os espazos e a información estean adaptados, así como a importancia de que “non se paternalice ás persoas con discapacidade intelectual”.

A última actividade da mañá foi o lotobingo impulsado polos pekes, que foron os encargados de crear todo todo o preciso para a realización do sorteo, inspirado no sorteo da lotería de Nadal. Se ben participaron todos os asistentes, o gañador recibiu como premio unha axenda, unha postal e un dominó, ámbolos dous elaborados polos amicos máis cativos.

Arredor das 13:30 tivo lugar o peche do evento, no que todas as persoas integrantes da asociación convidaron ao resto de asistentes a subir ao escenario para cantar e bailar as panxoliñas Mi burrito sabanero, e os presentadores ata se animaron a cantar.

Outros artigos

A Deputación presentará en FITUR a súa nova campaña de turismo

O salón FITUR, referente turístico estatal e internacional, será o escenario de presentación da nova campaña de promoción turística da Deputación da Coruña, nun acto previsto para o mércores 22 ás 14h, e que contará tamén co protagonismo da Vía Verde...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Xustiza, traballo e salario”. Luís Celeiro

“Xustiza, traballo e salario”. Luís Celeiro

Segundo os datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), as persoasocupadas (traballadoras) en 2024 superaron os vinte e un millóns, unha cifra que sepensaba inalcanzable, pero que aí está, para darlle lustre á acción dos responsables de crearemprego....

“In Memoriam. Jesús Pérez Varela”. Alberto Barciela

“In Memoriam. Jesús Pérez Varela”. Alberto Barciela

IN MEMORIAM. JESÚS PÉREZ VARELA (Redondela, 19 de abril de 1949-Santiago de Compostela, 16 de enero de 2025) Por esas raras cosas contingentes de la vida, caprichosas, inexplicables, también por su enfermedad y aislamiento escogido, nos hemos privado durante años de...