A RAG reclama un cambio do modelo educativo para reverter “o forte devalo do galego”

16 Decembro 2024

A Real Academia Galega vén de informar que o último informe sobre a situación da lingua galega aprobado polo plenario da entidade, no que se analizan polo miúdo os datos presentados polo Instituto Galego de Estatística o pasado outubro, xa pode consultarse en academia.gal. A análise, que se detén na evolución sociolingüística do galego dende 1992 ata a actualidade, alerta de “que o monolingüismo en castelán avanza velozmente, acadando proporcións nunca vistas na franxa de poboación escolarizada, mentres que son os galegofalantes os que máis practican o bilingüismo”. A teor deste diagnóstico, para reverter esta evolución é “imprescindíbel cambiar o modelo educativo e desenvolver un conxunto máis amplo de medidas integradas nun novo marco normativo para o idioma”, sinala a RAG na declaración institucional a prol dun pacto pola lingua aprobada polos académicos e académicas na última sesión plenaria.

O pronunciamento do pleno advirte que “a situación que atravesa a fala é responsabilidade de toda a sociedade galega pero moi fundamentalmente de quen detén o goberno e dispón, xa que logo, dos mecanismos de actuación e planificación”. E engádese: “A primeira responsabilidade é, por tanto, do goberno galego”, polo que a Real Academia Galega insta así a Xunta de Galicia e as forzas políticas a iniciaren o novo curso político cun “proxecto de futuro para o idioma que comprometa e ilusione”. “Cómpre situar o patrimonio común do idioma por riba dos cálculos a curto prazo e das controversias partidistas. Esta é unha tarefa urxente, que non admite máis demoras”, conclúe.

O documento sinala varias frontes de actuación urxentes para frear a perda de galegofalantes, que abranguen dende as familias, a escola e os medios de comunicación á industria cultural, os axentes representativos da sociedade civil e das administracións e as tecnoloxías da comunicación, así como a potenciación da dimensión internacional do galego a través da lusofonía.

A RAG pide así mesmo que a concreción das medidas necesarias se recolla nun renovado Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, en que deben participar os axentes sociais relevantes. “Esta revisión debe prever a súa implementación, con medidas concretas, dotadas do correspondente orzamento, e obxectivos temporalizados, con indicación dos órganos executores e previsións de avaliación periódica do seu cumprimento”, concreta a declaración.

No informe lémbrase que os últimos datos do IGE, recollidos no ano 2023 e presentados hai un par de meses, confirmaron que por primeira vez o galego perde a condición de lingua habitual da maior parte da poboación. O monolingüismo inicial en castelán é a opción maioritaria nos cidadáns de menos de 50 anos e a situación na franxa de poboación máis nova é especialmente preocupante, cunha caída “descomunal” en só dúas décadas. As respostas (fala) sempre en galego e máis en galego ca en castelán suman entre a poboación de 5 a 14 anos só o 16 %, o que supón aproximadamente 34.000 galegofalantes neste tramo de idade, fronte aos 180.000 do castelán.

“É obvio que nin a emigración nin a evolución vexetativa da poboación abondan para explicar a dramática redución da cifra de falantes de 5 a 14 anos ou o incremento exponencial das prácticas monolingües en castelán en todos os grupos de idade, que atinxe o 43 % na cohorte de 15 a 29 anos e o 54% da rapazada de 5 a 14 anos. O mesmo se pode aplicar á incapacidade para falar galego, que pasou do 18 % ao 32 % no grupo de idade máis novo (5 a 14 anos), ou á incompetencia para escribilo, que ascendeu do 21 % ata o 38 % no mesmo grupo”, valórase no informe do Seminario de Sociolingüística.

Outros artigos

Volve co Samaín o Claustro do Terror no Concello de Noia

Tras o éxito do ano pasado, regresa o II Claustro do Terror, que volverá converterse nun dos grandes protagonistas do Samaín de Noia. Novamente as persoas participantes terán que resolver un crime no Consistorio, e a resolución virá acompañada dun ambiente axeitado...

+

O filme documental 360 curvas proxéctase este domingo en Boiro

O Ciclo de Cine Mestre Mateo, impulsado nos concellos pola Academia Galega do Audiovisual, volveu poñer o foco en Boiro para dar coñecer ao público a rica colleita cinematográfica galega deste último ano. Sen ir máis lonxe, este domingo 18 de outubro proxectarase no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.