O Orzamento da Deputación da Coruña prosegue a súa liña ascendente dos últimos anos, achegando para 2025 unha cifra de 240.500.200 €, a maior cifra da historia da institución provincial, cun incremento de 18 millóns (+ 8,26%) con respecto ao presente exercicio. Estes e outros datos foron achegados este 12 de novembro polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, acompañado do vicepresidente Xosé Regueira, e do deputado de Economía, Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo. Explicaron que o orzamento contempla “un investimento récord nos concellos, xa que un total de 105.399.793 euros (o 44% do total) serán transferencias directas aos concellos a través do Plan Único, o maior plan de cooperación municipal das deputacións galegas, que incrementa o seu orzamento de 50 a 86 millóns de euros de dotación inicial (+72%), e o anticipo das convocatorias de subvencións dirixidas aos concellos coruñeses, que suman 19,4 millóns de euros e suporán a creación de 1.600 empregos directos para mellorar os servizos que prestan os municipios”.

Segundo fixo saber Formoso, estas contas cumpren cos “obxectivos estratéxicos” da institución para este mandato: o apoio aos concellos da provincia para a mellora de servizos e infraestruturas municipais, o benestar social, a creación de emprego e apoio aos sectores produtivos e a loita contra o despoboamento no rural.
O Plan Único (POS+2025) será o principal protagonista do orzamento, con 86 millóns de euros destinados integramente aos concellos, un 72% máis que en 2024. Os concellos coruñeses reciben hoxe entre 4 e 5 veces máis fondos que nos mandatos anteriores e teñen absoluta liberdade para decidir sobre o destino destes investimentos.
Formoso contextualizou este investimento récord da Deputación nos concellos nun momento en que os servizos básicos municipais veñen experimentando incrementos de custos moi relevantes “sen que a Xunta contribúa a paliar esta situación”. Asi, “a factura de SOGAMA ou o servizo de axuda no fogar, o saneamento de augas poñen nunha situación complexa ás economías dos municipios”, afirmou o presidente da Deputación da Coruña, que incidiu no problema económico que supón para concellos e deputacións ter que seguir asumindo competencias de titularidade autonómica sen que a Xunta de Galicia as dote do financiamento axeitado. Seguindo este fío, criticou que “un ano máis, a Deputación da Coruña non recibirá nin un só euro do Fondo Galego de Cooperación local, o mecanismo de participación das entidades locais nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, que este ano contará con 116 millóns para os 313 concellos de Galicia”.
Neste eido incidiu tamén Xosé Regueira, que subliñou o feito de que “a Xunta con máis de 11.000 millóns de orzamento, invista menos nos municipios que a Deputación con 240 millóns de orzamento”.
A Deputación reforza a súa aposta social en 2025
O benestar social será outra das áreas prioritarias da Deputación da Coruña en 2025. Por este motivo, no Orzamento de 2025 o gasto social alcanzará os 33.652.287 euros, máis do 14% total. Unha parte importante deste incremento orzamentario irá destinado á suba da achega para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que a Deputación elevou de 12 a 14 euros a hora.
O programa de servizos sociais da Deputación está dotado en 2025 con 9,5 millóns de euros en 2025, “o que permitirá o financiamento de preto de 400.000 horas de servizo de axuda no fogar e a contratación de 180 profesionais especialistas do eido social nos concellos”.
Como novidades para este ano na área social destacan o inicio do proxecto para a implantación dun novo modelo de residencias públicas para maiores no rural, baseadas na proximidade, a atención personalizada, a innovación e a convivencia interxeneracional, que contará con centros piloto nas Pontes, Ordes e Rianxo e un novo programa de envellecemento e loita contra a soidade non desexada dos maiores destinada a concellos de menos de 5.000 habitantes.
No ámbito social destacan tamén as partidas para Teleasistencia (1.372.000 euros, +5,5%) e para o mantemento do Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña (5.507.420 euros) e Centro de Día de Menores de Ferrol (2.736.467 €), centros que a Deputación segue mantendo pese a que tutela de menores é competencia autonómica.
PEL, o maior plan de emprego dunha administración local en Galicia
A terceira gran área dos Orzamentos 2025 é a destinada á creación de emprego e o apoio aos sectores produtivos, nos que se investirán 30,2 millóns de euros, arredor dun 12,5 % do total.
O Plan de Emprego Local (PEL) será un dos grandes protagonistas neste ámbito, cun orzamento que pasa dos 15.9 a 16,2 millóns de euros (+1,8%). Formoso lembrou que, entre 2016 e 2024, a Deputación da Coruña destinou máis de 140 millóns de euros á creación de empresas e fomento do emprego, apoiado a 2.980 empresas e 4.159 autónomos e creando 7.196 empregos nos sectores público e privado a través das principais liñas do PEL.
“Un Plan que non só impulsa a creación de emprego, senón que ademais aposta firmemente polo emprendemento, a innovación e o apoio ás pequenas e medianas empresas e os autónomos”, afirmou o deputado de Facenda, José Ramón Rioboo, que anunciou que tamén seguirán impulsando a Rede Provincial de Coworking, que conta xa con 11 centros, e engadiu que “os orzamentos contemplan unha partida de 300.000 euros para ampliar o coworking do Pazo de Arenaza, que foi o primeiro que puxo en marcha a Deputación, e que conta cunha elevada demanda por parte dos emprendendores”.
O deputado de Economía, Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo, inicidiu tamén no incremento do 53,3% no orzamento do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, “o máis importante de Galicia, que contará cunha partida de 5.730.262 euros para melloras salariais e incremento da plantilla de traballadores”.
No ámbito do apoio aos sectores produtivos destacan outros programas como as axudas ás confrarías de pescadores (750.000 €), fomento agrícola e gandeiro (818.000 €) ou axudas para a promoción de produtos locais, artesanía, comercio e hostalaría (1.400.000 €).
CEI, un impulso ao sector audiovisual galego en 2025
No o vindeiro 2025 comezará a funcionar Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior estudo audiovisual virtual de España, dotado cunha tecnoloxía pioneira a nivel mundial. Trátase, sinalaron, dunha infraestrutura que a Deputación da Coruña está construíndo actualmente na cidade das TIC da Coruña cun investimento de 9,5 millóns de euros cofinanciado con fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e co que “pretendemos posicionar á provincia da Coruña no Hub Audiovisual de Europa”, apuntou Formoso, que incidiu na puxanza do sector audiovisual galego, que xera 4.500 empregos e supón xa o 28% da industria cultural da nosa comunidade, “ademais de supor unha importante proxección exterior de Galicia”.
Máis de 13 millóns para Cultura e Lingua
A Deputación destina o vindeiro ano 13.042.900 ás áreas de Cultura (+4,8%) e Lingua (+3%). Un dos principais programas, con máis de 2 millóns de euros de orzamento, volve ser a Rede Cultural, que levará actuacións culturais aos 93 concellos da provincia. A maiores, contémplanse liñas de subvencións para investimentos e actividades de centos de entidades culturais da provincia e apoio económico aos principais festivais musicais, audiovisuais e de artes escénicas.
Educación suma tamén un importante capítulo de investimentos co mantemento de centros como o IES Rosalía Mera (3.680.402) ou o IES Puga Ramón (4.608.816 €).
Preto de 25 millóns de euros para mellorar unha rede de 2.100 quilómetros de estradas
A área de Vías e Obras conta cun orzamento de 24.782.955 euros para obras e melloras nos 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas. Neste ámbito destacan o Plan de Conservación (13.108.000 euros), o Plan de Sendas (1.925.000 euros) e o Plan de Investimentos en Vías Provinciais (2.615.200 €). Tamén se reservan 1,5 millóns de euros para o plan de transferencias de estradas.