Foi onte, xoves 7 de novembro, cando o Salón Nobre do Real Club Náutico Portosín acollía a presentación da Regata Clasificatoria de ILCA (anterior Láser), inserida no Memorial Alejandra Fernández, que a asociación do municipio do Son celebra desde hai 15 anos, a xeito de lembranza da que fora unha das súas máis senlleiras regatistas.

Indo ao acto, cómpre dicir que foi presentado polo comodoro do club, Fernando González, asistindo ao mesmo o concelleiro de deportes do Concello de Porto do Son, Carlos Lorenzo; o seu técnico municipal, Luís Otero; o patrón maior da Confraría de Pescadores de Portosín, Isaac Gaciño; e o vicecomodoro, José García.
En canto á competición, dicir que se levará a cabo os días 16 e 17 deste mes de novembro en augas muradás e noiesas, unha regata destinada ás tres categorías da Clase ILCA, antes distinguida como Láser cuxos equivalentes foron substituídos polas novas denominacións: Láser 4.7 (actual ILCA 4); Láser Radial (actual ILCA 6); e Láser Standard (actual ILCA 7). Engadir que a 4 é a máis xuvenil de todas categorías; a 6 segue sendo clase olímpica feminina; e a 7 olímpica en homes.

Informar que despois do Optimist, a Clase ILCA é a máis numerosa en licenzas na comunidade galega. Proba diso son os seus preto de 100 participantes que confirmaron a súa presenza en Portosín, sobre todo tendo en conta que é unha regata clasificatoria, é dicir, puntuábel para a clasificación galega e, por tanto, para obter unha praza na selección do equipo de Galicia.
“Esta regata é a máis antiga que temos en canto a vela lixeira no noso club, 21 anos como regata e 15 adicada á memoria de Alejandra. A idea que ten o Comité é a de poder celebrar até un número máximo de sete probas, que se disputarán nas inmediacións do porto deportivo”, comentaba González.
Para rematar, o Comodoro do Real de Portosín quixo agradecer aos patrocinadores que a entidade ten ao longo da tempada deportiva e grazas aos cales se poden celebrar os eventos que organiza: Gadis, a Deputación da Coruña, a Confraría de Pescadores, o Concello de Porto do Son, Ramiro Carregal, Pitusa e Jacinto.




