O BNG presenta emendas por valor de 26 millóns de euros para os concellos da ría de Muros e Noia e Mazaricos

28 Novembro 2024

A deputada da Pobra do Caramiñal Rosana Pérez, rodeada de portavoces e concelleiras e concelleiros nacionalistas da contorna de Muros e Noia, presentou as emendas aos Orzamentos da Xunta para 2025 diante do Consistorio de Noia. A deputada declarou que “ no Goberno autonómico son moi conscientes das necesidades principais da cidadanía, moitas delas reivindicadas durante décadas e, a día de hoxe, aínda sen atender por parte da Xunta do PP, despois de 15 anos de goberno”, incide en que son “propostas que responden ás necesidades reais da xente e que teñen en conta actuacións que, sen dúbida, mellorarían a súa calidade de vida se foran tidas en conta”.

Rosana Pérez destacou 4 ámbitos de actuación onde “debe enfocar a Xunta os seus orzamentos”, son os seguintes:

1º.- A ría, como fonte central da economía da comarca, onde se centran na falta de saneamento dos concellos e na eliminación de vertidos á ría e ao río Tambre, reclamando para iso “a súa mellora en Outes coa instalación de novas EDAR na Ponte Nafonso, en Valadares e en San Lourenzo, a dotación tamén de EDAR e rede de saneamento entre Braño e Laxeiros en Serres-Muros”, que segundo palabras da deputada Rosana Pérez, é “vital para eliminar os vertidos no banco marisqueiro da Virxe do Camiño, un dos máis importantes da ría”. Os nacionalistas proponen tamén “actuacións no concello de Noia, para dar cumprimento ao Plan Director de Saneamento do ano 2021, e dentro dun fondo para obras de mellora de redes de saneamento e depuración que suma un total de 21,5 millóns de euros”. Inclúen tamén unha partida de 1 millón de euros para o concello de Mazaricos, para o saneamento de núcleos rurais, onde a dispersión da poboación (+100 núcleos) tanto a construción como o mantemento do seu saneamento. A preocupación pola perda de produtividade da ría de Muros e Noia tamén se reflicte nas emendas presentadas: o Proxecto INVESrías 2025-30, de investigación integral das causas de perda de produtividade das rías que, para 2025 estaría dotado con 3.100.000 euros, na mesma liña un Plan Estratéxico de recuperación das rías e produción de semente autóctona, por un total de 19 millóns de euros.

2º.- Infraestruturas viarias. Os nacionalistas consideran que “é prioritario o desdobramento do corredor Brión-Noia”, e recordan que, en palabras da súa deputada Rosana Pérez: “que foi prometido polo PP no ano 2009 e que 15 anos máis tarde, e despois de consignar partidas nos últimos anos, que nunca executaron, agora prometen de novo 4 millóns para o 2025. Nós cremos que é totalmente insuficiente e que chega con moito atraso. Por iso propoñemos incrementar esa partida noutros 4 millóns de euros, para saldar a débeda que a Xunta ten coa cidadanía de Muros e Noia, para adiantar os prazos o máximo posíbel e para que a vontade de compromiso sexa firme e non sigan burlándose de nós”. Outras accións viarias que levan como emenda son: a mellora da AC-550 e da Avda. de Fisterra en Outes, e a conexión de San Lázaro en Noia coa AC-543. Resaltan tamén a importancia da creación dunha liña de bus que vertebre a ría, a creación dun bus comarcal que permita unha conexión cun bus lanzadeira con Santiago.

3º.- Outro tipo de infraestrutura. O BNG considera indispensábel a modernización da ETAP de Noia que “teoricamente tería que rematar neste 2024 non será completa se non se contempla un novo depósito de auga, necesario para garantir a subministración durante un mínimo de 48 horas en caso de avaría. Hai que ter en conta que o actual só permite a subministración durante 3-4 horas. É tamén outra das promesas incumpridas da Xunta e do Goberno de Noia dende o 2016 e nós propoñemos unha emenda de 750.000 euros”. Ao devandito engaden “a construción do parque empresarial de Porto do Son que, logo de prometerse ata a saciedade, segue en branco e para o que nós propoñemos unha emenda de 4,5 millóns de euros, diante dunha falta de solo industrial urxente na zona”. Por outro lado, explican, “consideramos moi importante, e moi urxente, que a Xunta chegue a acordos coa Mancomunidade Serra do Barbanza; son perentorios investimentos para que se mellore o seu funcionamento e se manteña un modelo alternativo e máis ecolóxico a SOGAMA, neste caso, a nosa emenda e de 1 millón de euros, destinados á unha nova volteadora e outra maquinaria necesaria”.

4º.- Emendas destinadas a paliar as carencias e deficiencias no ámbito social. Explican que ademais de propoñer a nivel xeral a asunción por parte da Xunta do mantemento dos centros de saúde e á espera de que, tamén por fin, sexa efectiva a licitación do de Noia (a Xunta destina 430.000 euros), “propoñemos unha emenda de 1 millón de euros para a necesaria reforma integral do centro de saúde de Porto do Son”.

Engaden que “outra das demandas fulcrais de moitos concellos é o reforzo do profesorado nos centros educativos e a mellora da atención a nenos e nenas con necesidades especiais, para o que contemplamos a nivel xeral emendas por 15 millóns de euros”. Ademais, o BNG di que non quere “descoidar a mellora dos centros e propoñemos máis de 1 millón de euros para melloras nos colexios de Mazaricos e para a cuberta do colexio de Esteiro-Muros, ao que se suman emendas por un total de 1.800.000 euros para ampliación e mellora en instalacións deportivas, como o complexo deportivo municipal e o arranxo da cuberta do Pavillón Polideportivo de Santa Irene, en Porto do Son, e a reposición do céspede do Campo de Fútbol de Cabanetán, de Lousame”.

E cualifican tamén de necesidades urxentes “a falta de vivenda pública, e por iso presentamos emendas por máis de 1 millón de euros para que se facilite ese acceso en Outes e en Esteiro-Muros, co arranxo do edificio da Casa dos Mestres”. Engaden que “a dotación dunha escola infantil pública en Noia, único municipio galego de máis de 10.000 habitantes que non a ten, ou a elaboración do proxecto para unha residencia de maiores pública en Outes, así como a restauración das laudas gremiais de Noia e a creación dun museo gremial ou a recuperación e musealización da casa natal do Poeta Añón en Outes completan as nosas demandas, que son as demandas, en moitos casos vellas demandas, da cidadanía da comarca”.

A intervención da deputada remata explicando que “o debate das emendas parciais comeza no Parlamento o vindeiro día 5 de decembro e agardamos que estas propostas sexan tidas en conta. Necesitamos menos promesas e máis realidades para o desenvolvemento socioeconómico de Muros e Noia e, sobre todo, demandamos que o Goberno da Xunta non encha de números un papel que, ano tras ano, só acaba sendo papel mollado”.

Segundo afirma, “recentemente, o Consello da Xunta veu celebrarse a Noia, para tentar salvar o seu precario goberno de Noia (dos 10 concellos de todo O Barbanza e Muros-Noia só teñen 3 alcaldías), a intentar tapar con anuncios millonarios as irregularidades que os propios técnicos do concello detectaron no documento orzamentario elaborado polo Partido Popular”.

Outros artigos

Martes 10, nubes e claros e temperaturas baixas

A situación meteorolóxica manterase estable este martes con ventos do nordés, que seguirán canalizando aire frío procedente do interior do continente europeo. Os ceos presentarán nubes e claros, con chuvascos que serán máis frecuentes e intensos na metade norte de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Notre Dame”. José Castro López

“Notre Dame”. José Castro López

Francia vive días de depresión política. Un extraño “consenso” entre las extremasizquierda y derecha tumbó al Gobierno y todo indica que el presidente no tiene fácil laresolución de esta crisis, muy preocupante para Europa porque coincide con el vacío depoder en...