Detidos pola morte violenta do dono dunha carnicería na praza de abastos de Santiago

12 Novembro 2024

Tres persoas foron detidas pola Policía Nacional como presuntas implicadas na morte violenta de Antonio Costa, propietario da coñecida carnicería Chelo & Muñico, situada na praza de abastos de Santiago de Compostela. O falecido, de 59 anos, foi atopado sen vida nas primeiras horas da mañá tras un presunto asalto na nave onde se atopaba o seu establecemento.

Segundo informan fontes da investigación, os feitos ocorreron cando a vítima entraba no mercado, momentos antes de ser agredido nunha “pelexa” na que recibiu un golpe na cabeza. A autopsia será determinante para aclarar se o traumatismo foi causado polo impacto dun obxecto ou polo impacto ao caer ao chan, xa que non se detectaron feridas de arma branca nin de fogo. Pola súa banda, as forzas de seguridade están a investigar un posible homicidio, tras atopar indicios de criminalidade no lugar.

A alerta pola agresión foi recibida ás 4:43 horas, segundo informou Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazou dúas ambulancias ao lugar, pero a pesar dos intentos de reanimación, Costa faleceu antes de ser trasladado ao hospital. O cadáver foi levantado pouco antes das 08:30 horas e trasladado ás dependencias forenses para a práctica da autopsia.

As detencións tiveron lugar ao longo da mañá en Santiago de Compostela. Un dos tres arrestados quedou en liberdade, pero será citado a declarar cando proceda. Os outros dous implicados permanecen a disposición xudicial. A policía, que tiña identificados aos sospeitosos desde primeira hora, non descarta novas liñas de investigación.

O mercado de abastos permaneceu pechado durante dúas horas logo dos feitos e, ás doce do mediodía, os praceiros gardaron un minuto de silencio en memoria de Costa, un comerciante moi coñecido na cidade que levaba 25 anos á fronte da súa carnicería, un negocio que herdara de súa nai.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, achegouse ao mercado para trasladar as súas condolencias á familia do falecido, destacando a consternación que provocou entre os veciños e comerciantes. Desde a xerencia do mercado, subliñaron que o día de hoxe é de loito, destacando a figura de Costa como un membro querido e respectado da comunidade.

A carnicería Chelo & Muñico permanece pechada e varios compañeiros e clientes levaron flores para rendir tributo á súa memoria. Outras tendas do mercado colocaron crespóns negros en sinal de loito. A situación no mercado foi de profunda conmoción, xa que Costa era unha figura familiar tanto para os praceiros como para os seus clientes habituais.

Este caso tamén fai resurgir a lembranza dun incendio intencionado que afectou unha das naves do mercado hai uns meses, sen que de momento se poidan confirmar vínculos entre ambos os incidentes. Por agora, a hipóteses dun posible atraco perde forza, dado que Antonio Costa conservaba a súa carteira no momento do suceso.

O xulgado de instrución número 2 de Santiago, que se encontraba de garda no momento dos feitos, decretou o segredo de sumario e segue coas indagacións para esclarecer as circunstancias da morte.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

Na Administración hai informes preceptivos, que compre solicitar para completar determinados procedementos. E estes poden ser vinculantes ou non, segundo haxa que facerlles caso, ou a resolución pode disentir deles. Desde o concello de Lugo chaman a votar sobre o nome...