A carreira Sin Son 10K, unha das grandes probas deportivas galegas e estatais de cada remate de ano, xa comeza a facer ruído nas redes e fóra delas, convocando deportistas e seareiros para unha cita que este ano celebrarase o domingo 22 de decembro, en pleno Nadal, e na que o Concello de Porto do Son (organizador) volverá achegar recursos para acadar a máxima repercusión e a mellor organización posíbel.
A actividade celebrarase o domingo 22 de decembro pola mañá (a partir das 11h), coa tradicional proba específica para a rapazada no día previo (a partir das 17.00 horas), en ámbolos casos coa vila de Portosín como punto de saída. A carreira absoluta, que ten un límite de 1.500 participantes, disputarase sobre unha distancia de 10 quilómetros entre Portosín e Porto do Son. Estará supervisada baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
As carreiras escolares, previstas para o sábado 21 en Portosín, serán de balde e teñen un límite de 500 participantes.
O evento incluirase no calendario oficial de probas da Federación Galega de Atletismo. Temos toda a información necesaria na web da proba e no Facebook da Sin Son 10K.
As inscricións poden facerse na páxina de Emesports até o 16 de decembro.