Este 5 de novembro a Universidade de Santiago activou a Cátedra Institucional Castelao, creada co obxectivo de “promover a difusión e proxección cara ao futuro da vida e a obra do autor e político rianxeiro, e, tamén, a lingua e a cultura galegas”. En palabras do reitor Antonio López, a creación desta Cátedra “era unha débeda que tiñamos desde a Universidade”. Así o asegurou dende a Facultade de Filoloxía, acompañado do director da Cátedra, Henrique Monteagudo; o decano da Facultade, Elias Feijó e o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García.
Henrique Monteagudo afirmou que coa creación desta cátedra e as dedicadas a Rosalía, Otero Pedrayo e Carvalho Calero búscase “reforzar a dimensión cultural da Universidade” e salientou o feito de que “a vocación non é suplantar” as institucións que traballan difundindo a obra e a vida do autor rianxeiro, coma a Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra ou as fundacións Penzol e Castelao, “senón buscar a colaboración de todas” difundindo facetas do rianxeiro coma a de artista, debuxantes, escritor ou político.
Elias Feijó, decano do centro, cualificou de “acto significativo” e “con visión de futuro” a creación da cátedra, da que deberán xurdir iniciativas “para entender mellor o presente e ter propostas de futuro”.
Mentres, o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García, subliñou que a obra de Castelao está “nos alicerces da cultura galega contemporánea” e que foi “unha figura cunha dimensión ampla, moi polifacética, que en todos os lugares polos que pasou deixou un ronsel”, lembrando ademais que en 2025 se celebra o 75 aniversario do seu pasamento.
Mostra
Ao remate de presentación, as persoas asistentes realizaron un percorrido pola primeira exposición organizada desde esta: Castelao, de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934-1944), que ficará visíbel na Facultade de Filoloxía ata o 15 de xaneiro e con ela conmemórase o 80 aniversario da publicación do ensaio Sempre en Galiza, percorrendo as distintas etapas da creación desta obra a través de varios paneis informativos.
Iniciativas
A USC incorporou no Consello de Goberno do 23 de febreiro deste ano a cátedra institucional dedicada a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, centrada na figura, o pensamento e a obra deste representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea, e en particular da Xeración Nós, nas súas diversas vertentes: literatura, artes, identidade, idioma, xornalismo, cidadanía ou activismo político. Os seus obxectivos serán o fomento da investigación e da difusión a nivel estatal e internacional de Castelao e da cultura galeguista, a súa traxectoria e a súa obra, escrita, cívica e artística, promovendo iniciativas de distinto tipo (encontros, debates, conferencias, ou estudos, entre outros) e impulsando a colaboración entre institucións e con entidades da sociedade civil.
Desde a Cátedra, que conta co apoio da Xunta e do Parlamento de Galicia, desenvolveranse amais encontros académicos e actos divulgativos e produciranse materiais de distinto tipo, en particular, considérase prioritaria a creación dun sitio web de referencia, que deberá realizarse en colaboración con diversas entidades; tamén se organizarán actividades de fomento do desenvolvemento local na xeografía vital do autor, en particular na vila de Rianxo e nas cidades de Compostela e Pontevedra.