
Manolo pendurou o seu sentimento máis tenro dun afervoado sentido galego emanado do vento de Monte Alto e as xeadas de Eirís e Monelos, todos eles barrios dunha Coruña que sempre se gabou deste poeta, xornalista, escritor e nadador nas mil historias do mar de María Antonia no que aboiaron sempre novelas, poemas, artigos xornalísticos e, sobre todo, o xorne que o caracteriza: seguir sendo Manolo, dende hoxe o primeiro escritor galego que recibe o Premio Nacional das Letras Españolas 2024. O mesmo Manolo (Manuel Rivas) que un día cangou cunha maleta na que berraba á Rosa do Vento un sonoro e comprometido “Nunca máis” que ecoou nas rúas de Compostela e espertou respostas en toda a Galicia mariñeira que nunca comprendeu por que un buque coma o Prestige chegou a emerdar as costas dun país que sabía sobradamente de naufraxios e perda de vidas humanas.
Manolo, O´Rivas, é obxectivo dunha análise que o sitúa como posuidor da extraordinaria calidade narrativa que xunta “forza emocional e beleza formal” a carón “dunha traxectoria versátil e coherente construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega” tan características de Manuel Rivas e que recoñece o Ministerio de Cultura na decisión de lle outorgar o premio xa citado, que se suma a outros moitos anteriormente colleitados.
A súa obra, traducida a case medio cento de idiomas, acadou bo número de premios literarios. E o seu labor a prol do medio ambiente amosou a quen quixo entender o seu acendido compromiso cunha terra e un mar de todos, máis aló do sonoro “Non á guerra” que espertou conciencias adurmiñadas. Tamén dous dos seus traballos literarios foron levados ao cinema. E agora, Manolo (Manuel Rivas), quen un día embarcou en Ribeira para protestar polo vertido de materiais radiativos na Foxa Atlántica, convértese no primeiro galego Premio Nacional das Letras Españolas. Con motivo. E coa admiración do seu País Galego.



