
O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Ribeira rexeitou as contas municipais para o ano 2024 porque, segundo dixo, “nacen mortas” e “fóra de prazo”. Ao seu xuízo, “non é de recibo que un Goberno municipal en maioría presente unhas contas ás portas de acabar o ano e aínda saque peito do mesmo”. Para os populares, a iniciativa “carece de transparencia, de canles de comunicación e da participación veciñal como tanto predicaba o actual alcalde dende a oposición”. Trátase, engadiron, “duns orzamentos feitos de costas á cidadanía, dende o despacho da señora Pouso ao servizo do BNG, soportando vaivéns continuos de partidas para nivelar as loitas internas polas xa coñecidas cotas de poder no Executivo local”.
Dende o grupo da oposición mostráronse críticos co que cualificaron de “pasividade” e “inmobilismo” do Goberno local, “que se demostran coa consignación de cero euros, e polo tanto cero compromiso, para o polígono industrial”, sinalaron, engadindo que “non hai novas ideas ou iniciativas no capítulo de investimentos, e de feito o maior investimento é o que entra nos petos do equipo de goberno: os que ían a ser os salarios máis rendíbeis da historia de Ribeira, cunha asignación estelar á concelleira de Facenda, resultan ter rendibilidade cero para a veciñanza e tradúcense en medio millón de euros, que é o que lles costa aos ribeirenses manter a unión entre o Goberno tripartito”.
Os populares engadiron que “este orzamento son unha emenda á totalidade ao proxecto de orzamentos do alcalde na oposición”, afirmou a concelleira popular María Sampedro, logo de recordar a emenda á totalidade presentada polo BNG aos orzamentos do PP no 2023: “De 25 puntos que propoñía como realistas e realizábeis o BNG gai un ano e medio non hai nin rastro nestas contas: nin hai 9 prazas para a policía local (coa falta que fan), nin hai unha partida para mantementos de 300.000€, nin se soben as subvencións nominativas coa Dorna ou a Asociación de Empresarios, nin se contempla partida para a posta en marcha dunha ARI, nin baixada do que chamaban tarifazo do PP e que agora xa é tarifazo do tripartito, nin partidas orzamentarias por parroquias decididas coa participación veciñal. E así ata 25”, explicou a concelleira.
Respecto da débeda, dixo que o anterior alcalde, en minoría durante 8 anos, aprobouna co beneplácito dos grupos da oposición (agora goberno) e “polo tanto a responsabilidade desa débeda é compartida”. Tamén, dixo, “convidamos ao Goberno tripartito que se non quere ter débeda renuncie ás infraestruturas que a levan aparellada en detrimentos dos servizos de mellora para o municipio”.
Comentou que “mentres o Partido Popular deixou a débeda nun 45% podemos comprobar coma neste exercicio medrou 11 puntos e sitúase no 56%. Son 4 millóns de euros os que incrementou a débeda o tripartito en 15 meses”.
Sampedro cualificou a actitude do tripartito de “dobre vara de medir” , presentando un recoñecemento extraxudicial de crédito de 130.000 euros de facturas sen consignación e “no que o groso pódese ver en que existen 86.000 euros gastados en festexos dos que non se dispoñía”.
Dende o Partido Popular tamén se criticou que “o gasto en mantementos aumenta en 20.000€, moi lonxe dos 300.000€ que exixía o alcalde dende a oposición cando todo lle parecía liso e cha”, sinalou a concelleira, engadindo que “non se contemplan investimentos para melloras nas casas de cultura ou para a melloras en praias, e baixa notablemente a partida destinada a mantemento dos centro escolares, un 40%, así como a partida destinada ao CIM; e ademais nada sabemos das medidas a tomar no eido do comercio, nin hai melloras nas asignacións á Asociación de Empresarios nin aparecen por ningún sitio os Bonos AmaRibeira que tan favorábeis foron non só para a dinamización do comercio local senón tamén para o desafogo das familias”, sinalou a concelleira.



