Este luns 28 de outubro deu comezo o primeiro evento de Degusta A Coruña, iniciativa de reivindicación turístico-gastronómica de Deputación enmarcada na campaña A provincia que sabe, que ten como obxectivo reivindicar a excelencia da cadea agroalimentaria da provincia.
Degusta A Coruña, que arrincou na Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Barallobre (Fene) terá continuidade este martes 29 en Padrón (no Convento de Herbón) e máis en Boiro (no Pazo de Goiáns), co fin de exaltar a lamprea do Ulla (no primeiro caso) e os viños do Barbanza (no segundo).

O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, explicou este luns ante os asistentes a aposta da Deputación, “pola gastronomía e a cadea de valor agroalimentaria, como primeiro produto turístico do noso escaparate”. Nese sentido, sinalou que nos últimos anos, “esta provincia pasou de ser un territorio de boa comida a un territorio gastronómico, precisamente grazas ao traballo de todos os elos desa cadea e ao de restauradores novos que tratan o produto do mellor xeito e nos ofrecen experiencias gastronómicas de primeiro nivel”.

Logo da inauguración na Confraría de Barallobre, onde os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a cetaria e depuradora, un proxecto que reforza o compromiso coa calidade e sostibilidade dos produtos marisqueiros galegos, guiados polo presidente da confraría, Jorge López, o congreso dirixiuse ao antigo matadoiro de Betanzos onde se celebrou a mesa redonda Os Grandes Descoñecidos: IXP Terras de Betanzos, un coloquio que puxo en valor os viños desta indicación xeográfica protexida.

A xornada deste martes 29 mañá dará comezo ás 10:00 horas no Convento de Herbón, en Padrón, cunha sesión dedicada á lamprea, onde os asistentes poderán coñecer máis sobre a súa vida, reprodución e os lugares de pesca, a través dunha visita guiada ás pesqueiras do río Ulla. Este acto contará coa participación de José Manuel Freire, guardarríos do Ulla, e Eduardo Blanco, propietario dunha pesqueira, quen ofrecerán unha visión experta e próxima sobre a relevancia desta especie na contorna.

A continuación, ás 12:00 horas, o programa trasladarase ao Pazo de Goiáns, en Boiro, para unha mesa redonda aberta ao público e emitida por streaming sobre os viños da IXP Barbanza e Iria, e da subzona Ribeira do Ulla de Rías Baixas. Moderada por expertos como David Rial de Cazapitas e Paco Crusat da Adega Entre Os Ríos, entre outros, esta sesión será unha oportunidade para descubrir e valorar estes viños galegos menos coñecidos. Ás 14:00 horas, ofrecerase unha visita guiada ao Pazo de Goiáns, onde Alberto García, do Concello de Boiro, explicará a historia do lugar e a súa conexión co mundo do viño.
A xornada pecharase cun xantar-cóctel maridado con produtos de proximidade e viños das denominacións tratadas, preparado por Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, acompañado por recoñecidos cociñeiros convidados da zona da Barbanza.
Este congreso, dirixido a público especializado, contará con parte das xornadas abertas ao público. O programa pode consultarse na web www.degustacoruna.gal. Os actos abertos ao público requiren inscrición previa, que é de balde.



