Segundo os datos da Xunta, este saboroso manxar que se cultiva mediante un sistema de cordas penduradas nas bateas nas que medra e engorda a mexilla previamente extraída das rochas da costa, segue un máis ou menos lento proceso no que a cría de mexillón (a mexilla) aproveita todos os nutrientes e perfectas condicións para o seu desenvolvemento efectivo. De aquí a excelente calidade do produto tanto en conserva coma nunha sinxela fervedura, cocidos ao vapor, en empanada, á vinagreta, etc., que ten denominación de orixe protexida (DOP) dende o ano 2007 (única en España para un produto do mar).
As primeiras bateas mexilloeiras galegas remóntanse aos anos 40 do século XX, cando foron fondeadas na ría de Arousa. É un sistema autóctono de cultivo de Galicia que converteu ás rías galegas en líderes indiscutibles de toda Europa: viveiros frotantes de forma rectangular que dispoñen de travesas de madeira de eucalipto das que penduran as cordas que sosteñen aos mexillóns.
O “encordado” da mexilla é unha operación que se leva a cabo en inverno, con cordas das que penduran entre 15 e 30 quilos de mexilla que vai medrando na auga mariña ata acadar os 70-95 milímetros de talla (uns cinco meses dempois do encordado) antes da recoleción.
En total, unhas 3.300 bateas fondeadas maiormente nas rías de Arousa (onde máis hai), Vigo, Pontevedra e Muros-Noia. Cada batea produce entre 40 e 80 toneladas de mexillóns ao ano. Cada batea ten un promedio de 500 cordas con mexillón que chegan a profundidades de ata 12 metros que permiten un cultivo sustentable e xera uns 15.000 postos de traballo directos e indirectos. Dende a formulación económica e social , a miticultura resulta polo tanto un verdadeiro motor, vital para moitas localidades costeiras.
Galicia é a primeira potencia mundial en cultivo e comercialización de mexillòn (a segunda, apòs China, en produción e estración deste bivalvo). Mais ten unha eiva: as bateas de cría e engorde do mexillón afectan aos desprazamentos polas rías de aproximadamente 3.000 embarcacións de baixura (pesca litoral) que teñen dificultades para navegar polos polígonos de bateas e a inexistencia a bordo de medios de localización complica o seu ir e vir, o que fixo que, en 2017, a Xunta anunciara que ía proceder a iluminar todas e cada unha das bateas fondeadas nas rías, especialmente nas de Arousa e Vigo, para facer que durante a noite cada unha delas poida ser visibilizada sen necesidade de radares.
Sete anos dempois do anunciado, nada se sabe dese proxecto de iluminación. Por falta de orzamento non será, Ou será que se apagaron as luces?.