Clausurado o obradoiro de emprego de Rois de confección e publicación de páxinas web

01 Outubro 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, clausurou hoxe o obradoiro de emprego para persoas mozas organizado por Rois, Padrón e Dodro Xuventude Terras de Iria 2023, centrado en confección e publicación de páxinas web. Alí puxo en valor o papel destes obradoiros na formación teórico-práctica para mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que contribúen a mellorar servizos para a cidadanía. Estas iniciativas, financiadas polo Goberno galego, tamén reforzan a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais. 

Remitida

Neste caso, o obradoiro Xuventude Terras de Iria 2023 beneficiouse dunha achega da Xunta de máis de 408.000 euros para o seu funcionamento -que beneficia a 15 persoas ás que agradeceu e felicitou polo seu labor- que se manterá deica novembro deste ano. Belén do Campo resaltou que este curso formou aos alumnos en dúas especialidades con gran demanda de emprego. Na clausura a delegada confirmou que Rois volverá contar con este obradoiro o ano que vén coa colaboración de Padrón e Dodro grazas a un apoio da Xunta de máis de 411.000 euros.

Os estudantes deste taller levaron a cabo traballos como a ampliación da web Coñece Terras de Iria, incorporando percorridos virtuais, creando roteiros en bicicleta polos tres concellos, publicitando a súa actividade comercial e inventariando as instalacións deportivas dos mesmos. Ademais, realizaron un manual explicativo desta páxina web, crearon plans de voo para drons e zonificaron as áreas de fauna e flora de Rois, Padrón e Dodro.  A delegada subliñou a importancia destes traballos que permitirán dar un salto cualtitativo a esta web para ofrecer máis e mellores servizos a todos os visitantes que queren achegarse e coñecer estes tres concellos.

No presente taller de formación, que xa rematou, a representante do Goberno autonómico resaltou que, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, bríndaselles a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas.

En relación coa convocatoria de axudas deste ano 24-25, en toda Galicia invístense máis de 6,6 millóns de euros para desenvolver 15 obradoiros de emprego para persoas mozas cos que se prevé beneficiar 240 persoas sen traballo. Na provincia da Coruña haberá 6  obradoiros deste tipo, para menores de 30 anos, que combinarán formación e traballo remunerado durante 12 meses, cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros e 96 prazas.

A través dos programas seleccionados, a mocidade participante pode adquirir coñecementos en diferentes áreas, como atención sociosanitaria, mantemento de xardíns, viveiros e zonas verdes, traballos forestais, carpintería, cantería, deseño gráfico, dinamización de empresas ou promoción turística, entre outros.

 A Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado. A acción enmárcase nos programas públicos de emprego-formación que buscan mellorar a ocupabilidade das persoas mozas menores de 30 anos rexistrados no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Impulso á empregabilidade e ás contornas rurais

A estes obradoiros para persoas mozas, lanzados en réxime de concorrencia competitiva, poden presentarse concellos, mancomunidades de municipios e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades, tendo prioridade os concellos asociados resultantes de fusión e os que tiveran condición de municipios emprendedores. 

Para acceder a estes obradoiros, priorízanse as persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional.

Outros artigos

Domingo 13, sol e temperatura alta

Durante o domingo agárdanse néboas matinais en zonas de interior, que darán paso a ceos despexados na metade oeste. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas experimentarán un moderado ascenso ehgando ós 25-27 graos. Os ventos...

+

Dous feridos nun accidente de tráfico en Aguiño

Unha condutora e unha ocupante dun turismo Nissan resultaron feridas tras unha colisión frontolateral na estrada DP-7305, á altura de Aguiño. O accidente, no que tamén estivo implicado un vehículo Fiat, provocou que ambos os automóbiles envorcasen e terminasen en...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión