Comían lentellas nunha fonte familiar, unha fonte grande rectangular pousada no medio
dunha mesa cadrada pequena. As lentellas estaban ben condimentadas, eran de calidade,
ricas en proteínas, minerais e hidratos de carbono. A avoa recordáballes aos comensais que
eran moi recomendables e que, polo que escoitara do seu avó, eran dos legumes máis
recomendados e usados na dieta das centurias romanas.
A vostede gústanlle as lentellas con chourizo e con vexetais? Se están ben preparadas,
parece que é do mellor que se pode comer. Son legumes tenros e dixírense con facilidade e
con gusto. Para empezar o día, un prato de lentellas, outro para a media mañá e un par
deles para o mediodía e para a cea, sen esquecer nunca a súa enorme riqueza nutritiva e
sen aburrirse delas.
Cando lle poñan lentellas, a calquera hora, pida froita para ter o reforzo conveniente de
vitamina C, laranxas, kiwis, figos, amorodos ou, mesmamente, mazás ou anacos de melón.
E, a ensalada de lentellas, que tal estará? Din os expertos e coñecedores que transitan polos
andares gastronómicos, que a ensalada de lentellas con pementos e arroz é un prato
completo, moi saboroso e saudable, económico e nutritivo.
En Galicia non se cultivan as lentellas. Aínda que hai terras dedicadas a esta legume en
Castela-A Mancha e Castela e León, a produción é insuficiente, converténdoa nun produto
de importación, como os garavanzos e as xudías. Como todo o que se refire á produción
agrícola.
Dende as altas cúspides gobernamentais freouse o desenvolvemento das tarefas agrícolas e
hortícolas en Galicia, e agora estamos obrigados a comer verzas de importación, patacas de
importación, trigo e millo de fóra, pementos, tomates e leitugas de onde digan os mercados.
O nabo de Lugo, no seu día, de onde virá?
En nome e por mor da globalización, os mozos e mozas de Galicia teñen que emigrar para
procurar un prato de lentellas para os venres. E para o luns, outra vez lentellas, “se queres
cómelas e se non déixalas”. Parece que vivimos nun mundo ao revés ou que estamos no
regreso ao pasado. India, Canadá, Australia, Turquía e Estados Unidos son os países con
máis produción de lentellas. A bo seguro que teñan un prato delas para cada día.
E aquí, en Galicia, onde vai a agricultura e onde estarán aqueles milleiros de pequenos
agricultores? De Norte a Sur e de Este a Oeste non se ven terras de cultivo, non hai hortas,
non hai searas de centeo, non hai millo nin quen o coma. Non queda nada, nin lobos para
protexer. Apoderase desta terra a escuridade continuada e de seguir así, para esta noite
alongada, non fai falta máis nada.
“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces
Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas características, constatan que se...



