O xurado do certame Imaxes do Patrimonio impulsado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas! deu a coñecer as candidaturas finalmente premiadas. Aulas dos concellos de Laza, O Pereiro de Aguiar, Vigo, Ribeira, Santiago de Compostela, Foz, Ames, Cea, Marín, Noia, Salvaterra de Miño, Ponte Caldelas, en Galicia ou Porto e Monção, en Portugal, resultaron gañadoras do concurso.
Entre as fotografías distinguidas atópanse estampas como un alambique ambulante por terras de Amandi, a primeira fábrica de gaseosas do concello de Laza a comezos do século XIX, unha estampa da vendima, un tataravó palangreiro en terras do Barbanza, un concurso de vestidos de bonecas nos anos 50 do século pasado, dous rapaces apenas adolescentes comezando como aprendices de albanel e ebanista, unha parella moceando na emigración londiniense dos anos 60, un día na sega do trigo, unha voda multicultural en Río de Janeiro hai case setenta anos, montando o palco da festa… “Trátase dalgunhas das grandes historias que foron premiadas no VII Certame de fotografía Imaxes do Patrimonio, unha nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias”, sinalan dende Ponte nas Ondas.
O xurado integrárono Sergio Pereira antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga, Xerardo Feijoo, profesor, e Fran Valcárcel profesor e membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto.
Ducias de escolas galegas e portuguesas participaron no proceso de recollida de imaxes, unha actividade pedagóxica que culminará co outorgamento dos premios este 16 de novembro no Día Internacional do Patrimonio. Por certo que as fotografías pasarán a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués. Podemos ver as imaxes premiadas na web de Escolas nas Ondas.
Traballando co patrimonio inmaterial nas aulas
Con este concurso, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, con longa traxectoria de case 30 anos na promoción e posta en valor do patrimonio inmaterial, quixo reivindicar o Patrimonio Cultural Inmaterial como un “conxunto inmenso de expresións culturais e de tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións futuras”.
Desde comezos do século XX ese conxunto de expresións herdadas do pasado e transmitidas de forma oral encontraron na fotografía un valioso rexistro documental, sinalan, engadindo que “co obxectivo prioritario de axudar ás novas xeracións a descubriren a existencia dese rico e variado Patrimonio Cultural Común, propúxoselles que buscaran, coa axuda dos docentes e na compaña de seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva”.
Logo das correspondentes deliberacións, os membros do xurado acordaron outorgar os seguintes premios nas distintas categorías:
Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
-1º Premio: Xiomara Barja Alonso – 2º EP
CEIP O Castiñeiro (Laza)
Título: Gaseosas
-2º Premio: Leire Blanco Fernández 5 EP
CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey (O Pereiro de Aguiar)
Título: Alambique
-3º Premio: Inês Cunha Gonçalves – 7º ano
Escola Básica Deu-La-Deu Monçao (Agrupamento de Escolas de Monção)
Título: No átrio da igreja
-Accésit: Roi Priego Alonso
CEIP Plurilingüe Seis do Nadal (Vigo)
Título: Na vendima
Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
-1º Premio: Ainoa González Cañestro – 2º ESO
IES Número 1 de Ribeira.
Título: Rogelio, meu tataravó palangreiro.
-2º Premio : Catarina Marques Pinto – 3º ESO – Ano 9
Escola Secundaria Clara de Resende (Porto)
Título: As meninas não são bonecas
-3º Premio: Marcos González Pazos – 2º ESO
IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela)
Título: Aprendices
-Accésit 1: Iago Rodríguez Edrosa – 1º ESO
IES de Foz (Lugo)
Título: Un día segando o trigo
-Accésit 2: Xoán Rivas Seijas – 4º ESO
IES Plurilingüe de Ames
Título: Voda multicultural en 1957
-Accésit 3: Irene Álvarez Rodríguez – 2º Bacharelato
IES Plurilingüe de Ames
Título: Como coñecín o voso avó
-Accésit 4: Daniela Gómez Pereira – 2º ESO
CPI Virxe da Saleta (Cea)
Título: Maternidade
Certame de Podcast
Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
-1º Premio: Alonso Arribas López – 5º EP
CEIP Sequelo de Marín
Título: 1954 Facendo un palco en Cotobade
-Accésit 1: Nicolás Fernández García (Educación Infantil)
CEIP Sequelo de Marín
Título: 1953 De romaría na Franqueira
-Accésit 2: Matilda Fernández García – 1º EP
CEIP Sequelo de Marín
Título: 1950 Traballadoras da fábrica de conservas Herrero
Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
-1º Premio: Antón Carou López – 1º ESO
IES Virxe do Mar (Noia)
Título: Seleccionando berberecho
-Accésit 1: Iago Varela
IES do Milladoiro
Título: Coas vacas
-Accésit 2: Andrés Iglesias Domeque – 2º Bacharelato
IES Politécnico de Vigo
Título: O avó do mar
Premio Especial do Xurado
O xurado acorda por unanimidade e fóra de todas as categorías conceder tres mencións especiais a tres escolas polo seu traballo xeral do que forman parte as fotografías enviadas:
CEP Carlos Casares.Grixó-Alxén (Salvaterra de Miño)
Esta escola propuxo unha iniciativa que, aínda sen axustarse exactamente ás bases, destaca polo seu valor pedagóxico. Trátase dun proxecto de centro que inclúe unha exposición de obxectos, relacionados co tema do proxecto anual. Neste caso, o tema escollido xira arredor dos xogos tradicionais, baixo o título Lerias e enredos doutro tempo, e contou coa colaboración das familias do alumnado que forneceron de moitos obxectos para a elaboración dunha exposición. O proxecto estrutúrase en diversas categorías de interese: xogos de mesa, educativos, bonecos, tradicionais e electrónicos entre outros.
IES de Ponte Caldelas
Alén das imaxes enviadas ao certame convencional, envían o texto e o traballo plástico realizado que forma parte do Proxecto Comunidade deste curso: “Participaron os departamentos de Plástica, Tecnoloxía, Xeografía e Historia e Lingua Galega. Realizaron traballos de investigación a través de entrevistas entre familias e veciños para posteriormente realizar traballo creativo en plástica e dixitalización. podcast, imaxes, vídeos, PDF, todo este traballo deste curso está recollido na web que os representa”.
IES Politécnico (Vigo)
O IES Politécnico de Vigo impulsou, coordinou e organizou o proxecto Á Luz da Candeira, co obxectivo primordial de traballar co alumnado os valores relacionados coa conciencia de coñecemento, recollida e posta en valor do noso patrimonio cultural inmaterial. Desta maneira, este proxecto centrouse especialmente nos ámbitos da tradición oral e a fotografía antiga; pois, por unha banda, parte do alumnado participou nun proceso de recollida, transcrición e difusión dun repertorio de tradicións orais transmitidas polas súas familias e, por outra banda, outra parte do alumnado realizou unha recolla de fotografías antigas na súa contorna máis próxima. Finalmente, co material recibido creouse a web na que actualmente se pode acceder.