Parte da veciñanza de Escarabote rexeita a pretensión do goberno municipal de Boiro de mudar o nome de Carretera do Muelle polo de rúa do Padre Joseba, que fai referencia ao sacerdote de Stella Maris que tanto axudou aos mariñeiros galegos moitos deles de Lampón, Escarabote, e as demáis parroquias boirenses sempre vinculadas á pesca marítima e, anos atrás, á pesqueira do bacallao en augas de Terranova, en cuxo territorio de San Xoán os habitantes deste pequeno núcleo canadiano falaban o galego arousàn coa mesma facilidade que o facían en francés e mesmo en inglés.
Carretera do Muelle non é outra cousa que un castrapo que mistura o galego (do) e o castelán (carretera e muelle). Incorrecto plenamente. Tanto como cando, nos anos 60 do século pasado, denominabamos a Escarabote “Ciudad de los Muchachos” pola moita cativería que daquela había na parroquia pola que obrigadamente tiñas que pasar no desprazamento de Ribeira a Santiago e viceversa. Era tamén daquela Escarabote, unha especie de Arco da Vella polas moitas cores que lucían as casas que se apiñaban a unha e outra banda da estrada provincial que tantas veces nos serviu neses desprazamentos obrigados á hoxe capital de Galicia para actos tan cotiàns coma ir a un especialista médico, a comisaría de policía para facer o DNI, unha óptica, un instituto, á universidade ou realizar unha compra que non se podía levar a cabo en Ribeira, A Pobra ou no mesmo Boiro.
Pois o mesmo acontece agora coa Carretera do Muelle que medio milleiro de cidadáns de Boiro reivindicarán cunha concentración a realizar contra o proxecto do goberno municipal que defende a proposta dar o nome do padre Joseba (que tanto axudou aos mariñeiros en San Xoán de Terranova) finado anos atrás, a un treito da vía entre Lampón e Escarabote que conduce precísamente ao peirao polo que tantas veces pasaron eses mesmos mariñeiros aos que o padre Joseba prestaba auxilio en momentos pouco doados para a estadía deles nas frías terras daquelas illas canadianas.
Coñecín a Joseba. Coñezo a moitos mariñeiros boirenses que tiveron contacto con el en Saint Johns. Sei do agradecemento que teñen ao seu labor -neste caso non pastoral, senón de axuda- para embarcar ou manteren contacto coas súas familias de Galicia. E sei da súa entrega a todo canto significaba o eido pesqueiro. E coido que debe ser moi importante que se manteña o nome de Carretera do Muelle en troques do que a asociación AETINAPE saudou con ledicia porque os titulados náutico pesqueiros coñecen ben de que se fala cando se menciona o nome do padre Joseba. Este deixaría a súa bicicleta en calquera recuncho de Escarabote con tal de botar unha man a un mariñeiro que a precisara, pero non hai correspondencia en Escarabote a esa entrega que os pescadores de bacallao boirenses consideraran altamente e apoiaron cando o concello de Boiro acordou adicar a Joseba unha das rúas do municipio para honrar a memoria dun home que se entregou a Deus e aos mariñeiros nun servizo sen horario fixo e taxado para os profesionais do mar.
Pesa máis a Carretera do Muelle?. Vostedes mesmos teñen a resposta.



