Hai décadas en que se celebrou o Cumio Mundial de Copenhague sobre o DESENVOLVEMENTO SOCIAL, definíndose que para ser tal “ten que ter ao ser humano como obxectivo principal” e “que para que isto sexa unha realidade é conveniente a participación activa dos individuos e colectividades”. Despois de tanto tempo continúan as preocupacións e a realidade dunha sociedade con fortes niveis de DESIGUALDADE e coa mesma idea de que a igualdade de oportunidades só se converterá nunha realidade axustando os procesos de desigualdade desde intervencións públicas que vaian dirixidas a apoiar os grupos máis vulnerables.
No devandito Cumio de Copenhague entendeuse que A POBREZA requiría unha resposta global para un problema que é global e que para a erradicación da mesma era necesario un compromiso sincero dos gobernos de todo o mundo. En cambio, tanto tempo despois, a pobreza e a desigualdade social van en aumento, a pesar das boas intencións dalgúns gobernos e das chamadas de atención de moitas ONG como Cáritas, Intermón Oxfam, Cruz Vermella, etc. .
Xa no seu momento, concretamente no ano 1.996, as NACIÓNS UNIDAS declaraban que “a afirmación da universalidade do Desenvolvemento Social salienta que o dereito a unha mellora na calidade de vida e á satisfacción das necesidades non só é un dereito propio de xeracións presentes e dos países chamados desenvolvidos, senón que tamén é un dereito do que han de gozar as xeracións futuras e os países menos desenvolvidos”. Para isto temos que seguir traballando todos xuntos baixo un principio de valentía e SOLIDARIEDADE entre persoas, pobos e xeracións presentes e futuras, de non ser así a desigualdade e a inxustiza social seguirá crecendo.
Entre tod@s podemos facer realidade un desenvolvemento social sostible e xusto se cremos e temos en conta de que toda persoa ten uns DEREITOS INELUDIBLES, como o dereito á vida, á seguridade alimentaria, ao traballo, á educación, á saúde, á vivenda, á protección social, etc. . Depende de nós… .