“Atoparse coma galiña en curral alleo” – Antón Luaces

17 Setembro 2024

Así foi como me sentín días pasados seguindo a retransmisión que facía a TVG dun campionato de billarda que, por ter sintonizado tarde o programa, descoñezo se a proba deportiva citada tiña carácter local, comarcal ou galego. Sexa como for, o caso é que, contemplando as evolucións dos xogadores -homes feitos e dereitos e mulleres aparentemente máis novas ca eles- veume á memoria aquelas partidas de “billa” que xogabamos os rapaces na explanada da fonte de Bandourrío e a da praza de legumes e verduras -hoxe en día totalmente ocupadas por edificios e xardíns públicos- capitaneados por “líderes” como Pepe O Gancho, Pío O Fisterrán, Andrés O Caxado (nótese que non hai apelidos, e non porque non os houbera senón que o que valía daquela como identificativo era o alcume) e outros dos que lembro o nome mais non apelidos non alcume, pero que mandaban e mandaban ben.

O caso é que o que a televisión galega ofrecía á súa audiencia semellaba tanto ao que era o noso xogo coma un ovo a unha castaña: o pau que golpea a billarda e mesmo esta, do máis sofisticado, pintados/decorados, a billa afiada só nun estremo e o outro romo, o apoio de saída da billa tamén de madeira decorada e, no campo de xogo, unha porta pola que a billa tiña que pasar para puntuar e gañar a partida. 

Dicíame a min mesmo que aquel xogo non era o noso, onde vai!: a saída da billa para ser golpeada co pau lanzador (non lembro como se chamaba) facíase colocando esta sobre dúas pedras nas que asentaban os estremos afiados da billarda. Por entre as dúas pedras sinaladas introducíase o pau que levantaba no aire a billa para, tamén no aire, golpear esta con toda a forza posible. Fronte ao lanzador (o que “sacaba” a billa) situábase o equipo contrario, estratexicamente distribuñudos polo campo de xogo, porque a fin non era outra que pillar a billa antes de que esta caera ao chan após “sacala”. Se así o facía o outro equipo, anotábase un “lulo” (máxima marca que se especificaba nunha especie de bandeira que se facía riscando cun pau, unha cuncha ou unha pedra con punta na terra do campo de xogo e na que se facían constar os “lulos” (parte superior) e o conteo parcial dos “unha que vai”, “dous equisóns” e tres pola vés”(tal e como se dicía ou soaba). Cantos máis “lulos” e raiñas parciais tivera cada equipo, mellor: o que máis tivese, gañaba.

Era un xogo entretido á v ez que perigoso, porque a billa podía vir directa a un ollo ou mancarte un dedo, e xa non digo nada se tiñas as mans afectadas polo “sieiro” (causado polo vento e o frío) que facía que viras as estrelas a pleno día. 

O campionato de billarda da “tele” galega non tiña punto de comparanza coas nosas partidas, ao remate das que seguiamos a xogar a “Tres marinos a la mar”, ao “burro”, etc. Mais removeu as lembranzas dun tempo no que Ribeira era Riveira, na lonxa poxábase o peixe logo das pitadas que identificaban o que cada barco traía, o Día da Dorna non era festivo (tampouco o da patroa) e a banda de Caamaño (ou de Severo) tocaba as ruadas pola mañá e, pola tarde, acompañaba a procesión da Virxe (supoño que Santa Uxía) e, de volta esta á igrexa parroquial, a mesma banda tocaba unhas pezas “de concerto” que, o dicir popular, eran as mesmas de sempre pero “máis cargadas de bombo”.

Onde van aqueles tempos e que diferente aquela Riveira do Malecón con luces “de barras” que todo “alumbraban” e que tiña un alcalde que o pobo non elixía e vestía uniforme da falanxe.

Houbo un tempo no que tamén estudábamos e no Grupo Escolar “Francisco Franco”non había graos senón idades e a escolas privadas, tamén mixtas, eran as de Nardín e Monchín, Bayón e don Manuel “O Roxo”. Ata que chegou o colexio El Pilar. Pero a billarda xa pasara a outra vida e Ribeira pasou de dous a tres cines máis a sala de festas Cambeiro (no verán) e o salón Cambeiro (no inverno).

Tempus fugit.

Outros artigos

“Emerxencia social” – José Manuel Pena

Segundo o último informe do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) e os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), entre os meses de abril e xuño do ano en curso, executáronse 5.874 desafiuzamentos por falta de pagamentos de alugueiro e uns 469 por execucións...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Teatro y los días”. Alberto Barciela

“El Teatro y los días”. Alberto Barciela

El teatro es espejo de la vida o de las costumbres, se aventura como oráculo, o arriesga incluso en vanguardias imprevisibles, en inverosímiles utopías, o no, con sencillez opta por  disimular angustias entre humoradas; por algo más de una hora actúa cual eficaz...

“O Barbanza sabe a mar”. Antón Luaces

“O Barbanza sabe a mar”. Antón Luaces

Con preto de 70.000 habitantes, os 247 quilómetros cadrados da comarca do Barbanza que constitúen os concellos da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira souberon dende os primeiros tempos aproveitar todo o moito que o mar ofrecía (e aínda ofrece). En primeira...