O xurado dos Premios Ramiro Carregal vén de abrir a convocatoria para o XIII Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica e para o VI Premio a Talentos Emerxentes. Na reunión, presidida polo empresario e mecenas Ramiro Carregal, acordouse abrir o prazo de presentación de solicitudes até o 31 de xaneiro de 2025.

Xunto co presidente de honra do xurado participou na reunión o presidente executivo e xefe de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o doutor Rafael López, quen subliñou, unha vez máis, “o enorme compromiso do empresario arousán coa investigación e a ciencia”.
Xunto con Ramiro Carregal e o doutor López, forman parte do xurado do premio o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o doutor Julián Álvarez, decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC; o doutor César Rodríguez, presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM); o doutor Juan Gestal, catedrático emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC; Manuel Freire-Garabal, catedrático en Farmacoloxía da Facultade de Medicina da UDC, e Rafael Silva, director de RR.II. de HM Hospitales en Galicia.
O veterano dos Premios de Investigación Ramiro Carregal chega á súa edición número 13 cunha relevante lista de galardoados entre a que se atopan nomes como Mariano Barbacid, José Baselga, Marisol Soengas, Carlos López-Otín, Eduardo Díaz-Rubio, Guido Kroemer, Luís Paz-Ares ou Amparo Cano, entre outros. Máis dun centenar de candidaturas de todo o mundo avalan un certame que, segundo lembraron os convocantes, “trata de colaborar coa investigación oncolóxica básica e clínica” e “pór de relevo o importante papel que ten o mundo empresarial, e a sociedade en xeral, en ámbitos que supoñen avances substanciais para a humanidade”.
Unha vez máis o galardón principal está dotado con 30.000 euros.
O xurado recordou que o Premio destinado a Talentos Emerxentes, dotado con 10.000 euros, chega á súa sexta edición “cunha lista de investigadores cuxa brillante traxectoria, a pesar da súa mocidade, supón unha esperanza para a investigación oncolóxica”. Arkaitz Carracedo, José Tubío ou César Serrano están nesa relación de menores de 45 anos que recibiron o galardón.
Convocatoria 2025
Ambos os premios terán aberto o prazo de presentación de candidaturas para a súa nova edición até o venres 31 de xaneiro de 2025 ás 23:59 horas. As propostas deberán conter un breve resumo do proxecto e as razóns que motivan a súa relevancia, ademais dos datos do candidato proposto referentes ao seu currículo, méritos e publicacións realizadas.
As solicitudes poderán enviarse mediante correo certificado a unha dirección postal que figura nas bases, por correo electrónico ou subirse a través da propia web do certame: premioramirocarregal.com/oncologia. Nesta mesma páxina poden consultarse as bases de ambos os Premios así como toda a información relativa aos mesmos. Durante o mes de febreiro darase a coñecer o fallo do Xurado e nas semanas seguintes entregaranse os galardóns, como é habitual, nun acto solemne que terá lugar na capital galega.



