Han ter que pasar seis meses máis para que as familias mariñeiras de España, África e Suramérica saiban quen son os responsables da maior traxedia rexistrada na frota pesqueira española nos últimos 50 anos: 21 tripulantes mortos e tan só tres superviventes: o patrón, un mariñeiro sobriño deste (os dous galegos) e outro mariñeiro de Ghana, residente en Galicia.
Dous anos e medio após do naufraxio do palangreiro de Marín Villa de Pitanxo afundido a pouco máis de 700 metros a 250 millas ao suroeste de Saint John’s, capital de Terranova (Canadá), o informe da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) e as declaracións testificais, o xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno prorroga por outros seis meses as conclusións da investigación que, como xa informou este xornal, determinará a presunta responsabilidade do patrón do buque, Juan Padín, e a empresa armadora Nores, propietaria do buque, con sede en Marín.
Patrón e armadora deben respostar a 21 posibles delictos de homicidio nun caso no que, como din as familias das vítimas, non é unha cuestión de diñeiro a que os move senón de xustiza, de determinar as causas do sinistro.
Dous dos superviventes (tío e sobriño) falan de embarre e parada do motor , escora e afundimento de popa. O sobrevivente ghanés, de que a rede enganchou no fondo mariño e parou a virada do barco na manobra de pesca. Os mariñeiros non sabían que pasaba e descoñecían a causa pola que a maquinilla estaba tan acelerada. Pediron que se cortara o cable, cousa que non se fixo. O barco escorou a babor e afundiu de popa.
O famoso “botón roxo” foi utilizado polo patrón do barco, segundo o testemuño do patrón: activou a chamada seletiva dixital. A activación da alerta de socorro, dixo tamén o patrón, Juan Padín, facilitou a Salvamento Marítimo o aviso de afundimento. E os responsables deste servizo en Saint John’s confirman que recibiron dúas alertas de socorro, máis non había posibilidade de comunicar co barco. Alistaron un helicóptero de rescate, o “Cormorán”, pero a aeronave tivo que repostar combustible nunha plataforma petrolífera debido a que a autonomía da aeronave non lle permitía voar dende a base en Saitn John’s ata o teórico lugar de afundimento e retornar posteriormente á base. Había nevarada e vento de 40 nós na zona. Temporal e moitos restos no mar. Un día moi difícil polas condicións meteorolóxicas.
Dende o pasado mes de febreiro -segundo cabo de ano da traxedia- unha placa lembra en Saints John’s o acontecido, cos nomes dos 21 mortos e una sentida expresión: “Sempre con nós, ainda que sen nós”. Unha petición de xustiza por parte das familias e compañeiros á Audiencia Nacional que instrue o caso: Que se determinen as responsabilidades tanto do patrón coma da casa armadora, sabedores uns e outros de que as testemuñas dos sobreviventes poden resultar decisivas. Por exemplo, o motivo polo que exclusivamente o patrón e o seu sobriño tiñan posto o traxe térmico ou de supervivencia. O mar rexistraba unha temperatura de 2 graos na zona.
Unha e outra vez, familias, compañeiros e amigos queren saber a verdade do que aconteceu e que permanece afundida a 700 metros a 250 millas ao suroeste de Saint John’s.
Onde agora faenan quince arrastreiros da provincia de Pontevedra.



