O segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta e o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, acudiron este martes 13 de agosto ao Náutico de Razo, en Carballo, para a presentación da aplicación tecnolóxica da Deputación da Coruña dirixida a mellorar da seguridade e a comunicación nas praias da provincia: un proxecto piloto que a entidade provincial está a desenvolver da man da empresa Ceus World, e que se está implantando nas praias de Barrañán (Arteixo), Razo (Carballo), Caión (A Laracha), O Vilar (Ribeira) e Pantín (Valdoviño).
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira e o responsábel de Ceus World, David Varela, foron os encargados de explicar os detalles do proxecto, nun acto onde tamén participaron representantes dos concellos implicados.
Regueira puxo en valor a utilidade desta aplicación, “tanto para a recollida de datos como para a mellora da seguridade nas nosas praias: dúas cuestións prioritarias para esta administración”. Neste sentido, apuntou, “os datos en tempo real tanto sobre os usuarios das praias, como sobre os rescates e incidentes, permitirannos ofrecer unha experiencia máis segura e, ao mesmo tempo, analizar o perfil que nos visita para avanzar en estratexias de planificación turística”. O obxectivo, dixo, é “que a experiencia turística sexa positiva, e que os nosos areais sigan destacando pola súa calidade e seguridade”.
Pola súa banda, o director executivo (CEO) da firma Ceus World, David Varela, destacou a importancia de que “os concellos se involucren nos procesos de salvamento e socorrismo”, e salientou a principal finalidade da app, que é “reducir os tempos de actuación dos servizos de emerxencia, e poder coñecer de antemán que está sucedendo nas praias, o que é vital para os socorristas”. A nivel turístico, explicou que a aplicación servirá para “coñecer a procedencia dos visitantes” e, ademais, para mellorar a experiencia e seguridade “tamén de persoas con discapacidade auditiva ou motora”.
A experiencia en Ribeira
No concello de Ribeira “en principio a intención era implantar a aplicación tecnolóxica exclusivamente na praia do Vilar, pero finalmente conseguimos integrar a app en todos aqueles areais nos que temos puntos de socorrismo, que son Coroso, Río Azor, A Ladeira, en Castro-Catía e no Vilar”, apuntou o concelleiro Suárez-Puerta, engadindo que “a ferramenta, malia estar en fase de proba, ten capacidade para xerar un impacto positivo directo”.
O edil agradeceu que a Deputación contase con Ribeira para este proxecto: “Que se escolla o noso concello para implantar este tipo de tecnoloxías demostra a confianza que teñen outras administracións no traballo que estamos a facer en Ribeira dende a Concellería de Turismo e Novas Tecnoloxías”.
Pola súa banda, o concelleiro de Sanidade destacou “que a principal función é mellorar os tempos de resposta das emerxencias, xa que grazas a este recurso reducirase o tempo de aviso no punto de socorrismo; ese espazo de tempo probablemente se traduza en salvar vidas que é o que busca principalmente a aplicación. Tamén o sistema recollerá o rexistro de tódalas incidencias co que se poderán clasificar as praias por incidencias e risco. Eu creo que é un proxecto piloto extremadamente útil o seu desenvolvemento dependerá de como funciona esta primeira fase e da coordinación dos concellos”.