
O Concello de Boiro apoia as reivindicacións da comunidade educativa do IES A Cachada para a asignación urxente en exclusiva dun docente especialista en Pedagoxía Terapéutica que atenda as necesidades do alumnado do centro. O alcalde, José Ramón Romero, e outros membros da corporación participaron esta mañá na concentración na que Luisa Segade, da ANPA da Cachada, leu un manifesto.
Numerosas persoas concentráronse hoxe para solicitar unha xuntanza urxente co conselleiro de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia para expoñerlle a situación e as necesidades actuais deste centro. “Solicitamos unha xuntanza co conselleiro para expoñerlle esta e outras necesidades dos nosos centros de ensino de cara ao inicio do curso escolar”, afirmou o alcalde.
O IES A Cachada conta con máis de 100 alumnos e alumnas con algún tipo de necesidade especial ou atención educativa, chegou a ter tres docentes de PT e neste momento so conta con un a tempo parcial e outro
compartido con outro centro. “A falta dun docente de Pedagoxía Terapéutica non so está afectando á calidade educativa e ao benestar dese alumnado, senón que tamén está a incorrer no incumprimento da normativa vixente”, afirmou Luisa Segade.
Á concentración sumáronse tamén as ANPAS dos seis centros de educación primaria e tres de secundaria do municipio, así como a Asociación de Trastornos do Espectro Autista do Barbanza Barbantea. “As familias non nos imos enfrontar entre nós por uns apoios escasos e insuficientes, a nosa loita é polos dereitos dos nenos e nenas da Cachada para os que pedimos unha educación de calidade e inclusiva”, recoñeceu no manifesto.




