Novo centro de saúde en Vilagarcía

16 Xullo 2024

A Xunta anunciou a licitación das obras de construción dun novo centro de saúde no municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa.

A construción debería comezar a finais deste ano, unha vez seleccionada a empresa, segundo explicaron os conselleiros de Vivenda e de Sanidade, María Martínez Allegue e Antonio Gómez Caamaño, respectivamente.

A Xunta vén de licitar as obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, nas que investirá un orzamento de 19 M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitaron hoxe o espazo onde se situará o futuro edificio e anunciaron que as obras iniciaranse a finais deste 2024. 

María Martínez Allegue destacou que a nova infraestrutura sanitaria, que a Consellería executará como encomenda do Sergas, “vai supoñer un antes e un despois na calidade asistencial” en Vilagarcía e “amosa o compromiso da Xunta coa sanidade pública e co coidado das persoas”. “O noso obxectivo -indicou- é axilizar os prazos e traballaremos arreo para que este novo centro sexa unha realidade canto antes para a cidadanía de Vilagarcía”. Hai que sinalar que as empresas teñen de prazo ata o 20 de agosto para presentar as súas ofertas.

A conselleira subliñou así mesmo o deseño arquitectónico do futuro inmoble, “onde prima tanto a calidade como a funcionalidade” e que o converterá en referente, ao xerar coa súa forma de dobre U dúas novas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios aos que dá fronte (avenida da Mariña e rúa Elpidio Villaverde).

M. Allegue incidiu en que, ao igual que no resto das infraestruturas sanitarias que se están a desenvolver, buscouse “crear un espazo que facilite tanto o traballo do persoal sanitario, como procurar o benestar dos usuarios que van ser atendidos”.

Ademais,  quixo destacar tamén a colaboración entre administracións no proceso de posta a disposición dos terreos portuarios da antiga Comandancia “grazas a un protocolo asinado entre a Xunta, o Concello e Autoridade Portuaria”.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, incidiu na importante mellora que suporá o novo centro de saúde para a poboación de Vilagarcía de Arousa que disporá dunha infraestrutura sanitaria máis moderna e innovadora que ofrecerá “máis funcionalidade e máis prestacións”.

Explicou que o novo centro de saúde disporá de máis consultas de medicina de familia, máis consultas de pediatría, así como de enfermería e de enfermería pediátrica, e suporá unha mellora e ampliación das prestacións sanitarias.

Será “un centro de saúde do século XXI, para unha Vilagarcía do século XXI”, remarcou.

Deseño e plan funcional

O futuro centro ocupará unha superficie construída de 8.300 m² e terá forma de dobre U, que xerará ademais dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios aos que dá fronte (Avenida da Mariña e rúa Elpidio Villaverde).

Nestas novas prazas, xogará tamén un papel moi importante a vexetación, que se disporá tanto nos percorridos peonís como a zona viaria, e servirá como nexo de unión coa zona do porto. O peche exterior executarase con celosías elaboradas con madeira de batea que filtran a luz natural e preservan a privacidade, mentres que as salas de espera e áreas comúns do edificio acondicionaranse con espazos vidrados con control solar e madeira vista no interior, que buscan conferir ao edificio un carácter máis amable.

Ampliación de consultas

O plan funcional establecido para o novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa prevé chegar ás 18 consultas de medicina xeral, outras 17 consultas de enfermería (4 máis), 6 consultas de pediatría e 5 de enfermería pediátrica.

As instalacións contarán tamén con 2 consultas de odontoloxía, 2 consultas de hixienista dental, 2 consultas de fisioterapia, 1 consulta de nutricionista, outra de psicoloxía, 1 consulta da muller, 2 consultas de matrona, 1 consulta de rehabilitación, 5 consultas de docencia e 3 consultas polivalentes; ademais de sala de técnicas, sala de toma de mostras, sala de lactancia, sala de educación para a saúde ou sala de rehabilitación con 6 cabinas.

A área do PAC disporá de dúas salas de espera independentes, área de respiratorios, 3 consultas de medicina, 2 consultas de enfermería, 1 consulta de reanimación e 1 consulta de observación.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.