
Comezou a conta atrás para a festa máis rachada do mundo: a Festa da Dorna (Ribeira), que este ano chega á súa LXXVI singradura e que promete ser de novo un dos grandes acontecementos do ano no panorama galego de troulas de verán. Quen precise consultar o programa ao detalle xa o ten dispoñíbel no Facebook da Real e Ilustre Confraría da Dorna, organizadora da festa.
A Dorna, que comezará o 18 de xullo e estendarase como vén sendo costume até o 24 de xullo, xa comezou a vibrar nesta primeira quincena de mes, coa inauguración dunha mostra de trofeos e medallas dorneiras no Museo Municipal, onde se pode visitar até o día 23. Ademais, está previsto inaugurar no miradoiro do malecón de Ribeira, onde principia o paseo do Touro, a exposición fotográfica A Dorna un legado, un motivo, un porvir, con imaxes de Lesmes Fotógrafos e contidos de Olegario Sampedro, que poderán verse (e lerse) até o 14 de setembro en diferentes recantos de Santa Uxía, por exemplo na rúa de Galicia ou na praza de Compostela.
A festa propiamente dita comezará como dixemos o día 18. Haberá enghalanamento de fanequeiras, ceremonia de inisiasión co preghón do escritor e músico coruñés Xurxo Souto, estreitamente vinculado á festa dende hai unha chea de anos (Souto e o seu grupo Os Diplomáticos de Monte Alto achegaron a vertente musical ao himno da Dorna, con letra do ilustre dorneiro Santi Páramo), macroqueimada e a primeira actividade musical do Rock and Dorna a cargo da Orquestra Bravú Banda Xanga.
Na xornada 19 cómpre salientar a ruta de tapas Estrellas Mijelín, o Maratasón, o mercadiño solidario, unha actuación de Recambios Tucho (na praza da Igrexa) e unha festa musical con 7 picadiscos en diferentes recantos da cidade. A xornada do 20, Día do Orjullo Jaiteiro e da Xuntaza de Embarcacións Tradicionais , inclúe unha gran foliada na praza de Teruel, o tradicional Encontro de xoghos e deportes populares na zona de lecer da praia de Coroso e, pola noite, a primeira xornada do certame itinerante de Cansión de Tasca nas fanequeiras (os establecementos hostaleiros engalanados polas peñas dorneiras).
O domingo 21 celebrarase unha nova edición dos Gran Prix de Carrilanas, polo serán (a partir das 19.30) na rúa Rosalía de Castro e na costa da Mámoa. Será tamén o remate da Cansión de Tasca na praza da Igrexa, e ao seu remate está prevista a actuación do grupo Nativa.
O luns 22 celebraranse no peirao comercial de Ribeira os Xoghos de Mar Dorneiros (a partir das 16.00) e o Gran Premio Ícaro de Voo sen Motor, aproximadamente a partir das 18.00 horas. Logo será a quenda do festival de música Rock and Dorna no escenario do malecón, onde actuarán Nadal015, de John Pollón & Friends e a Batalla de Jallos.
O día 23, véspera do Día Grande, incluirá o quinto Maratasón Infantil, o Rock and Dorna de Batea con The Tetas Van na praia de Area Secada, o Trinautlón Dorneiro a cargo de Geckos Surf School, o tradicional Exame de Patróns (no que a Confraría dará o visto e prace ás novas peñas dorneiras que se suman á festa) no escenario habilitado do Malecón. A xornada rematará con música: con Me Fritos & The Gimme Cheetos.
O Día Grande da Dorna, o 24 de xullo, comezará con forza a partir do mediodía, coa concentración no malecón dos enxeños navais que competirán máís tarde (na praia de Coroso) na XXXIV Reghata de Embarcasións Feitas á Machada de Propulsadas a Pan de Millo (Gran Premio Cutre Sark). Logo desta importante e senlleira competición, desenvolveranse a Romaría Dorneira (en Coroso tamén) e actividades de sona mundial como o Campionato Mundial de Chinchimonei. Polo serán, a partir das 20.00 horas, será a quenda doutra das grandes actividades: a procesión dorneira do Top Secret. Pola noite actuarán Mojinos Escozios e celebrase a entrega da Copa da Rei e a actuación de Quinkillada, logo da medianoite.



