O Museo do Gravado de Artes (Ribeira) vai inaugurar a vindeira semana, o venres 12 de xullo ás 20.30, unha nova exposición que ten unha estreita relación coa nosa comarca, xa que rende unha nova homenaxe ao ilustrador, debuxante, político, escritor e intelectual rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, poñendo o foco na parte da súa creatividade que empregou para plasmar as diferentes tipoloxías masculinas do seu tempo. Trátase da exposición Os homes, de Castelao na colección Roberto Taboada.
A mostra exhibe os traballos do rianxeiro publicados no xornal vigués Galicia durante o ano 1925 e logo utilizados na publicación Cincoenta homes por dez reás (1930). Por primeira vez poderanse ver as 68 pranchas de cinc orixinais utilizadas na prelo da publicación acompañadas polas publicacións orixinais do xornal Galicia. Tamén se expoñerá unha pequena mostra de distintas edicións do volume Cincoenta homes por dez reás.
Colaboran na edición do catálogo o Concello de Rianxo e o Concello de Ribeira.




