Os membros do proxecto europeo Everyday is a Training Day, liderado pola asociación Integrados de Amicos, celebra esta semana un encontro transnacional na cidade macedonia de Ohrid. Durante tres días, os técnicos e técnicas da iniciativa realizan unha revisión das guías de recursos do programa e participaron en varias probas piloto das actividades deseñadas ao seu abeiro para o fomento da vida saudábel a través de actividades inclusivas e accesíbeis entre a poboación. A iniciativa conta coa colaboración de Scout Society de Romania e o centro xuvenil Krik de Macedonia do Norte, e está co-financiado pola Comisión Europea a través de Erasmus+.
Ata o país eslavo viaxaron a especialista pedagoga do servizo de peques de Amicos, Sara Albitres, e a técnica especialista en ocio de Integrados, Victoria Basteiro, entre outros/as membros das distintas entidades socias. Alí participaron no evento, que se celebrou do martes 11 de xuño ao xoves 13.

A través desta actividade buscouse aplicar e mellorar os coñecementos obtidos durante os últimos meses no marco do mesmo. Este evento comezou cunha sesión de revisión e proposta de melloras das guías de recursos do proxecto. Materiais que pensados como recursos para centros e organización xuvenís e clubs deportivos que traballan coa mocidade e con colectivos vulnerábeis, como persoas con discapacidade.
Os seguintes días dedicáronse a poñer en práctica as actividades ao aire libre recollidas no programa, no que participaron os mozos e mozas do centro de Krik. Así puxéronse en práctica as actividades recollidas nas Capacity Building Templates do proxecto, para comprobar a súa viabilidade na práctica do día a día das asociacións. Estas serán difundidas tamén a través das redes sociais e entre a cidadanía local.

Everyday is a Training Day nace co propósito de crear conciencia sobre a necesidade de que o deporte e os espazos nos que se practica sexan accesíbeis para todas as persoas, ao tempo que busca promover a actividade física mediante distintos exercicios e prácticas adaptados. Outro dos seus puntos vitais é “promover o contacto coa natureza e sensibilizar á comunidade da importancia da práctica deportiva”. Tras este primeiro evento piloto, realizaranse nos vindeiros meses distintos eventos multiplicadores locais, ata que en novembro Boiro acolla un gran evento final.

Esta iniciativa nace ao abeiro do proxecto Erasmus+, da cooperación internacional entre entidades de España, Romanía e Macedonia do Norte. Así, o consorcio está formado pola Asociación Integrados, pertencente á entidade inclusiva Amicos, en colaboración con Scout Society de Romanía, centrada no fomento do voluntariado e o desenvolvemento da comunidade local entre a xuventude, e o centro xuvenil Krik con sede en Macedonia do Norte, especializado na realización de formación, reunións e obradoiros. O proxecto conta coa co-financiamento da Comisión Europea.
