O Parlamento pide á Xunta que continúe coa tramitación do expediente de caducidade das concesións do grupo mineiro San Finx en Lousame

07 Xuño 2024

O Parlamento de Galicia aprobou ese venres 7 de xuño, por unanimidade, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a continuar coa tramitación do expediente de caducidade das concesións de explotación do grupo mineiro San Finx en Lousame, requiríndolle a esta empresa que execute o proxecto de restauración do dominio público hidráulico, unha vez finalizada a tramitación ambiental, incluíndo a retirada dos recursos mineiros acumulados nas súas presas e a restauración ambiental do leito degradado e da contorna das instalacións mineiras. A proposición tivo a súa orixe nunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG.

Nela tamén se lle pide á Xunta que proceda á execución do aval depositado polo titular da explotación no caso de que non cumpra co requirido para acometer as medidas de execución subsidiaria que sexan precisas para manter a explotación en condicións de seguridade, incluída a ambiental.

O deputado popular Gonzalo Trenor lembrou que Augas de Galicia xa está a tramitar un expediente de restitución do dominio público hidráulico, con dous obxectivos principais: acadar o discorrer das augas de novo á canle orixinal do río e conseguir recuperar as condicións naturais do ecosistema, de tal forma que se favorezan os aspectos ambientais e paisaxísticos.

“Executar as actuacións sen realizar a preceptiva tramitación de avaliación ambiental, como está a pedir o BNG, incumpriría a lexislación vixente”, sinalou o deputado popular, quen lembrou que “o obxectivo da tramitación deste procedemento de avaliación ambiental é previr, mitigar e restaurar os danos ao ambiente, así como a regulación de obras ou actividades para evitar ou reducir os seus efectos negativos no ambiente”.

Rosana Pérez (BNG) cualifica o acordo de “histórico”

O BNG, a través de Rosana Pérez, cualificou de “histórico” o acordo para restaurar a mina de San Fins, en Lousame e continuar coa tramitación do expediente de caducidade do grupo mineiro. Lembrou que o acordo inclúe “esixir á empresa a retirada dos residuos mineiros acumulados nas dúas presas e a restauración ambiental da zona afectada”, que é un dos asuntos máis importantes que están pendentes de resolverse. Neste senso, a parlamentaria pobrense manifestou que se deberá proceder “á execución do aval depositado polo titular la explotación no caso de que non cumpra oco requirido e  acometer, con cargo a ese aval, as medidas de execución subsidiaria que se precisen para manter a explotación en condicións de seguridade”, incluída a ambiental. No caso de que non se puidesen acometer todas as actuacións para manter a explotación en condicións de seguridade, incluída a ambiental, e no caso de que o aval depositado polo titular da explotación fose insuficiente, dixo, “requiriráselle á empresa concesionaria os fondos precisos a través de todas as vías das que dispón a administración”, engadiu.

Para a portavoz de Mar do BNG, este acordo “é benvido despois de que a actuación da Xunta do PP respecto da mina de San Finx fose un exemplo de libro do que unha administración non debe facer”. E resaltou que “a loita de toda unha comarca contra a senrazón, dá os seus froitos. Durante a súa exposición, Pérez lamentou que, despois de quince anos da chegada do Partido Popular á Xunta de Galiza, “teñamos que seguir denunciando o estado ambiental de toda a contorna, comezando polos ríos, das instalacións da mina de San Finx”, no concello de Lousame.

Na súa exposición, a deputada nacionalista criticou que “todas as actuacións do Goberno do PP durante quince anos estiveron ateigadas de irregularidades, de enganos, de escurantismo e mesmo de mentiras”. Na súa opinión, “a conivencia entre a Xunta e a empresa concesionaria saltouse incluso os informes oficiais, da propia Xunta, que explicitaban a necesidade de someter á mina á avaliación de impacto ambiental e advertían da perigosa situación das presas, que acumulan miles de toneladas de residuos e que se encontran en estado de abandono”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

Hai case oito séculos, as Sete Partidas de Alfonso X pretendían establecer unhas regras comúns para ordenar a sociedade. Hoxe vivimos nunha democracia con leis e mecanismos de control, pero segue vixente unha pregunta fundamental: de que serven as normas se quen debe...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.