O Concello de Boiro, xunto co grupo de voluntariado xuvenil Turbina, organiza un programa completo de actividades para celebrar o vindeiro venres 28 de xuño de 2024 o Día Internacional do Orgullo LGTBI. A concelleira de Cultura, María Outeiral, xunto con Antón Abeijón e Iria Álvarez, de Turbina, presentaron o programa de actos.
As actividades desenvolveranse o venres pola tarde na praza de Galicia a partir das 17.00 horas, cando haberá un mural colaborativo do orgullo para o que se farán dúas quendas de 25 persoas cada unha. “Imos pintar un mural colaborativo con motivos do Día do Orgullo na praza, a carón do paso de peóns coa bandeira LGTBI”, afirmaron dende Turbina.
Ás 17.30 horas haberá un obradoiro de tie-dye e ás 20.00 horas celebrarase a lectura do manifesto e seguidamente actuación da DJ Pájara Boba. O programa de actividades rematará cunha batalla holi que dará comezo ás 20.30 horas.
A concelleira de Cultura, María Outeiral, convidou á veciñanza a participar neste acto “que é un día para reivindicar e tamén para celebrar, e énchenos de orgullo que a programación de actividades parta do grupo Turbina que sempre están dispostos a colaborar na programación de actividades”.




