
Rematada a primeira parte da xornada inicial da ABAU en Galicia, a CIUG destaca a práctica normalidade en todas as Comisións Delegadas, trala realización dos exames de Lingua Galega e Literatura e Primeira Lingua estranxeira, maioritariamente inglés. Os problemas de chegada do alumnado ás comisións, derivados de atascos de tráfico, particularmente na Coruña e Santiago, foron resoltos grazas á hora de presentación, previa ao exame de Galego, entre ás 9:00 e 10:00 horas, que permitiu a incorporación do alumnado que se retrasou, así como a súa aclimatación nunha primeira experiencia de contacto cos campus universitarios, ao tempo que lle eran lembradas as normas dos exames. Ao tratarse dun día de moito calor en Galicia, fíxose especial recomendación de ventilación das aulas. Nos distintos campus pasáronse detectores de móbiles activados, sen rexistrar casos ao respecto. Producíronse algunhas incidencias menores, resoltas rapidamente pola CIUG: baixas inesperadas dalgúns vogais, que obrigaron suplir as súas funcións; apertura por despiste dun sobre con exames dunha materia errada nunha comisión, que obrigou a cambialo axiña polo exame suplente en todas as demais, etcétera. A CIUG agradece a colaboración dos centos de membros das Comisións Delegadas e representantes dos centros de Secundaria no correcto desenvolvemento dunha proba da que está pendente toda a comunidade educativa e milleiros de familias galegas.



